un espazo vivo de encontro aberto á participación e ás propostas feministas
Quen somos?
Porque nace a PFG?
A Plataforma Feminista Galega nace porque…
- Queremos o compromiso real para a construción dunha sociedade onde non teña cabida o terrorismo machista.
- Queremos unha sociedade na que o importante sexamos as persoas e non os mercados.
- As persoas somos donas do noso propio corpo, por iso somos libres para decidir sobre el, gozar e relacionarnos con quen nos dea a gana.
- Queremos unha sociedade diversa onde se respecten as múltiples formas de de vivir o sexo e a sexualidade.
- É imprescindíbel incorporar o enfoque feminista nas políticas económicas, nos servizos públicos, na creación doutro modelo de cidade e nas políticas ambientais.
- Desde o movemento feminista reivindícamos a visibilidade do traballo de coidados que realizamos as mulleres, dándolle unha proxección política. Dar valor a este traballo non é só unha cuestión de recoñecemento tamén supón defender a liberdade das mulleres e esixir que se convirta nunha responsabilidade social compartida.
- Esiximos que todas as mulleres inmigrantes teñan dereito a gozar dos servizos públicos sen discriminación.
- Esiximos o uso dunha linguaxe que nomee a todas as persoas e estea libre de homofobia, machismo e racismo.
Por isto e por moitas razóns máis constituímos este espazo e chamamos a todas as mulleres e organizacións que queiran a se sumaren.
Que é a PFG?
A Plataforma Feminista Galega é unha organización feminista independente que reúne a mulleres de diversas procedencias políticas que asumen o compromiso social de loitar contras as violencias machistas e que tanto de forma individual como integradas en coletivos levamos tempo traballando xuntas e por iso decidimos construír un espazo de traballo común no que podamos sentarnos a debater, a loitar xuntas.
Consideramos ao patriarcado e ao sistema capitalista como elementos que se complementan. O sistema patriarcal é anterior ao capitalismo, por iso a destrución do sistema capitalista non implica a destrución do patriarcado, xa que o sistema patriarcal é unha estrutura transversal que afecta a todas as clases sociais.
Organizámonos de forma totalmente ASEMBLEARIA, entendendo unha asemblea como un espazo de debate na procura de consenso, onde todas as nosas voces teñen a mesma validez; e a autoxestión como forma de financiamento.
Loitamos polos dereitos da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa vida persoal. A SEXUALIDADE debe estar caracterizada por relacións libres entre persoas, sen tabús nin opresión sexual.
Rexeitamos a división sexual do traballo que se impón nas nosas vidas e no mercado laboral, afectando os salarios, despedimentos improcedentes e os roles condicionados ao xénero.
Reivindicamos por tanto a igualdade social, política e laboral entre homes e mulleres.
Aínda que compartimos ideoloxías de ESQUERDAS, a Plataforma Feminista Galega non está ligada a ningunha corrente política concreta, nin desexa ser asociada a ningún partido, organización ou sindicato.
Consideramos igual de importante tanto a ACCIÓN social e a loita continuada nas rúas, como a FORMACIÓN e concienciación persoal e a construción dunha teoría feminista sólida.
Se estás interesada, convidámoste a vir coñecernos e a participar nas nosas asembleas. Contacta. Combate o sexismo!!
Quen formamos a PFG?
A Plataforma Feminista Galega é unha organización feminista independente que reúne a mulleres de diversas procedencias políticas.
Poden ser integrantes da Plataforma Feminista Galega todas aquelas mulleres que así o soliciten e que desexen participar e traballar neste espazo feminista galego sempre que amosen ter interese nos fins da mesma. A participación pode ser ben de xeito individual ou ben en representación dun colectivo ou organización afín que colabore e cumpla cos protocolos estabelecidos polas asembleas locais e a PFG no seu conxunto.
A participación desta base social no traballo cotián da PFG é aberta, directa, e democrática canalizándose a través dos grupos de traballo local nas súas actividades locais e nas asembleas periódicas. Entendemos que esta actividade e forma de nos organizar é un dos principais fundamentos, sen os que non ten sentido unha organización como a nosa, e por iso definímonos en primeiro lugar como unha asociación.
Somos unha organización aberta, inclusiva, plural, atenta a todos os puntos de vista de quen loita pola transformación social para rematar coas violencias machistas e quere acadar a igualdade efectiva entre mlleres e homes, pero orgánica e politicamente independente.
Contamos ademais co apoio de colectivos sociais e de organizacións que se identifican cos nosos obxectivos e colaboran connosco en accións de sensibilización e denuncia.
Entre as nosas asembleas anuais funciona unha coordenación nacional composta polas vogalías que cada grupo de traballo local propón para a súa representación. A Xunta directiva da asociación é elixida anualmente pola Asemblea Xeral.
Temos como normas a austeridade e a eficiencia no emprego dos recursos dos que dispomos; o funcionamento democrático e en equipo na xestión; e, en coherencia cos nosos principios, unha xestión económica transparente, sometida a un seguimento periódico pola coordenación nacional que ademáis será difundida no noso espazo web na nosa memoria anual.
Os nosos obxectivos
- A defensa e loita polos dereitos das mulleres constituíndose, pois, en canle de denuncia de situacións especialmente gravosas para elas.
- Traballar en todos aqueles aspectos que atinxan as mulleres en todos os ámbitos: social, político, sanitario, económico, laboral… loitando e defendendo as formulacións en favor da igualdade das mulleres en todos os aspectos.
- Propoñer solucións e instar aos gobernos para que impulsen e fagan cumprir as disposicións legais que posibilitan que as mulleres gocen das mesmas oportunidades en todas as esferas da súa vida (medio rural, civil, económica, social, cultural, política, etc.).
- Divulgar o respecto, desenvolvemento e efectividade dos dereitos humanos das mulleres.
- A promoción e desenvolvemento de estruturas que posibiliten a loita contra a violencia machista, solicitando os apoios sociais e/ou institucionais necesarios para a súa erradicación.
- Potenciar a relación entre os distintos estamentos que interveñen no proceso de loita contra a violencia de xénero, fomentando así a conxunción de distintas experiencias e perspectivas na busca da necesaria eliminación de toda forma de violencia contra as mulleres.
- A defensa dos dereitos LGTBI e a denuncia das agresións ao colectivo, nomeadamente das mulleres que o integran.
- A loita contra a explotación, trata e escravitude sexual.
- Fomentar os valores dos feminismos a través da coordinación, realización e preparación de actividades con distintos organismos.
- A construción dun movemento feminista combativo e unitario, con base nos valores de colectividade, solidariedade e apoio mutuo.
- A coordinación, colaboración e traballo conxunto con outros espazos feministas e movementos sociais co fin de transversalizar o discurso feminista en todos os espazos de loita existentes así como o seu tratamento.
- A coeducación así como o seu tratamento a través da súa análise coeducativo no conxunto da súa complexidade e diversidade de temáticas adaptado a todos os niveis educativos.
!!!
Grupos de traballo locais
Ames
Contacta co grupo no enderezo: pfeministaames[@]gmail.com
Coruña
Contacta co grupo no enderezo: pfgcorunha[@]gmail.com
Compostela
Contacta co grupo no enderezo: pfgcompostela[@]gmail.com
Vigo
Contacta co grupo no enderezo: plataformafeministagalegavigo[@]gmail.com
Novas
[8M2021] As mulleres sostemos a vida: queremos (R)evolucionar o mundo
Desde o pasado 8 de marzo, vivimos unha situación excepcional de pandemia mundial na que, outra vez máis, vimos como unha sociedade baseada no capitalismo antepón o beneficio económico ante a saúde física e mental das persoas.
Que non decidan por nós!
Diante da convocatoria de eleccións para esta fin de semana nas que o PP quere procurar un aval electoral ás súas políticas de recortes as mulleres que formamos parte de PFG non podemos nin queremos deixar de facer público o noso posicionamento. As enquisas reflicten...
Alternativas e propostas feministas para os programas electorais
As liñas xerais das nosas propostas corresponden á observación da realidade da poboación, das solucións á vida comunitaria postas en andamento no noso entorno e as súas carencias. Forman parte do proxecto feminista en continua elaboración. Proxecto para unha vida máis...