As liñas xerais das nosas propostas corresponden á observación da realidade da poboación, das solucións á vida comunitaria postas en andamento no noso entorno e as súas carencias. Forman parte do proxecto feminista en continua elaboración. Proxecto para unha vida máis amable, equilibrada, sostible e igualitaria.
Unha cuestión de conceptos: probablemente hai quen agardará que se plantexen as reivindicacións “de xénero”, é dicir, desde o punto de vista dos intereses pouco atendidos das mulleres que seguen a estar suxeitas, en maior ou menor medida, á división sexual do traballo, ás identidades marcadas polo sistema de xénero e a diferenza de deberes e dereitos entre mulleres e homes. As propostas, recollidas neste documento, baséanse na visión da realidade, tendo en conta o xénero feminino, pero intentan ir máis aló.
En realidade, é unha visión non de xénero, é dicir, non do xénero masculino que é o que imaxinou e configurou a vida comunitaria e o seu goberno. As nosas observacións, experiencias e análises parten da situación actual da muller na sociedade, pero aspiran a converterse na visión menos tendenciosa da realidade. Por iso propoñen un espazo para todas as persoas e convivencia atendendo a todas as súas necesidades e posibilidades de desenvolvemento. Non só ou principalmente para aqueles que nunha sociedade patriarcal e capitalista se fixeron visibles porque están ligados ao arquetipo do home invulnerable, con ampla mobilidade e dispoñibilidade, co seu propio vehículo e o pracer de usalo, con dereito a vivenda convertido no dereito a casa propia, suxeito de dereito, cidadán (só os homes o teñen sido ao longo dunha longa historia) e gañador de pan e xefe de familia. Suponse que este home que non nace dun repolo, cubriu maxicamente as súas necesidades de mantemento e coidado do lugar onde vive. Tamén se supón que alguén se ocupa das súas responsabilidades de coidado para persoas próximas e dependentes nunha zona oculta onde o traballo case sempre o facemos as mulleres, e esa non é a realidade. Seres humanos, mulleres e homes, somos vulnerables, nacemos dependentes, necesitamos apoio social para o noso desenvolvemento, enfermamos ou padecemos discapacidades temporais ou crónicas, envellecemos e temos que medir os nosos proxectos e ambicións para facelos compatibles entre si e co mantemento e mellora de lugar que compartimos.
Desde a realidade dunha poboación formada por persoas diversas pero coas mesmas necesidades de ser atendidas na infancia, na dependencia, na enfermidade, na vellez e considerando que é obriga dos poderes públicos organizar o uso dos recursos para unha vida máis satisfactoria é desde onde facemos as nosas propostas. A esta poboación humana e ao ambiente no que convive coa idea fundamental de igualdade, eficaz e sostible deben sinalar todas as accións concretas que se fan nos ámbitos políticos.
As políticas ás que estamos afeitas non incorporan a IGUALDADE e o benestar das persoas como unha guía fundamental das súas accións. Recorren a estes propósitos dun xeito marxinal, foron engadidos como “complementos marxinais” doutros intereses que se consideran máis importantes. Só o tratan e o fan superficialmente, cando os problemas producidos son escandalosos e denunciados polo movemento feminista. A consecuencia é unha enorme perda de eficiencia económica e social. Engadir parches e parches aos problemas sociais xerados por unha actuación desatinada á realidade dos seres humanos e á igualdade e á xustiza é moi caro.
Nas nosas propostas defendemos a xestión pública de bens públicos e a extensión destes eliminando privilexios e exencións das que gozan as persoas ou grupos que posúen as maiores propiedades. Propoñemos a oposición frontal ás actuais políticas de racionalización de gastos da administración, non porque consideremos que non se debe racionalizar senón pola forma en que se propón. Racionalizar e facer sostible non é eliminar, senón propoñer estruturas e accións que minimicen as posibilidades de corrupción, prevaricación ou mal uso do espazo e recursos comunitarios e facer efectivos os mecanismos de control e apoio.
Os servizos públicos tanto en época de crise como de bonanza teñen que se manter e ampliar, xa que aínda non alcanzan o nivel desexado. As mulleres son as que substitúen co seu traballo adicional as carencias dos servizos públicos, xa sexan sanidade, educación ou infraestruturas, que son menos atendidas cando os servizos públicos son máis febles mentres que os privados se fortalecen e as que perden máis empregos xa que o servizo público segue a ser a área de traballo na que -polo menos nos traballos que non se dan a dedo- poden optar a un emprego máis xusto.
Falar de emprego: o traballo non é o mesmo que o emprego. Xa o dicimos nas manifestacións “Traballo que xa temos e máis que a nosa parte, o que queremos é emprego e remunerado igual que o dos homes”. O actual sistema económico mantense pola resistencia e o esforzo complementario maioritariamente das mulleres. E non estamos dispostas a seguir cumprindo ese papel de reparadoras. Queremos que a vida e o espazo da comunidade estean deseñados para que as estruturas e a poboación contribúan a mantelo.
A organización do espazo físico no que os seres humanos viven e comparten coas demais o medio ambiente e os recursos é determinante na deriva doutras políticas públicas e nas opcións que as persoas poidan tomar sobre a súa vida privada e a súa participación no público O deseño de casas e cidades non é neutral nin inocente. A planificación urbana, o doce que atrae a máis especuladores, estafadores e beneficiarios privados de derivas e perdas de diñeiro público, ten que cambiar de rumbo. O deseño de toda a nova construción e remodelación das cidades, os seus barrios e a súa relación co medio natural e o resto de centros urbanos debe facerse con criterios de utilidade pública, comunidade, benestar e seguridade para a poboación. Nunca con propósitos, que ás veces porque están normalizados, nin sequera intentan agocharse de ínfulas de grandeza, desexo incontrolable de deixar pegada, amiguismo e beneficios económicos ilícitos, sexan legais ou non. Os poderes públicos teñen que dar prioridade ao dereito á vivenda. Do noso punto de vista, nada ten que ver coa propiedade da vivenda e si moito coa regulación das rendas e coa construción de vivendas sociais por parte das administracións ou coxestionadas por elas.
A planificación do territorio require a recuperación da poboación no medio rural, traballando no seu coidado e mantemento e revitalizando este espazo que desconxestionaría as cidades e podería manter unha boa relación con elas mediante intercambios mutuos de goce dos seus recursos. Iso non se consegue con folletos nin propaganda. Tampouco con apoio alleo á produción da zona ou á reforestación con especies foráneas. Conséguese facilitando o traballo e asentamento o único xeito económico e social de manter o medio ambiente, melloralo e ofrecer vivenda e traballo a persoas que vivirían gostosamente no rural.
Pedimos que non se subestimen as nosas propostas ou se desestimen porque algunhas non se axusten ás leis vixentes ou ás competencias transferidas até o momento á administración autonómica. En todo caso terán que ser as leis e o xeito de levalas á práctica as que teñan que mudar. De feito as leis cambian cada pouco, ultimamente a velocidade acelerada. No caso das competencias animamos a reclamar todas aquelas que sexan necesarias para facer factible a realización das políticas que demandamos. A xente cambia, pero as súas necesidades básicas e os seus dereitos humanos están definidos e non se lles pode dar marcha atrás.
Podes baixar o documento completo aquí