Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

Desde o pasado 8 de marzo, vivimos unha situación excepcional de pandemia mundial na que, outra vez máis, vimos como unha sociedade baseada no capitalismo antepón o beneficio económico ante a saúde física e mental das persoas. Unha vez máis, o modelo de consumo prima sobre a vida. Nestes 12 meses, vendéronnos que o obxectivo máximo era acabar co virus, mais non porque houbera que salvar vidas, senón porque había que salvar o Nadal, o turismo do verán e o continuo fluxo de cartos que precisa o capitalismo. Neste caso, como nos contextos de crise acentuáronse as desigualdades e as consecuencias do COVID-19 recaeron con maior gravidade nas mulleres traballadoras, que foron imprescindibles na loita contra a pandemia dos sectores esenciais (limpeza, alimentación, saúde, social, ensino, etc.). Unha vez mais, fomos nós, as mulleres traballadoras, as que tivemos que padecer os problemas derivados da dificultade para conciliar a vida profesional e a vida persoal. E esta vez, con unha maior dificultade: o teletraballo.
Co desigual reparto das tarefas domésticas, as mulleres tivemos que enfrontarnos a dobres e triplas xornadas para poder responder ás obrigas da casa, durante a maternidade, coidando de persoas dependentes sen desatender as responsabilidades profesionais. Desde o feminismo temos que seguir loitando contra esa desigualdade no reparto de verdade e a corresponsabilidade, para contar coas garantías e os coidados para todas as persoas dependentes e conseguir conciliacións que non supoñan a nosa expulsión do mercado laboral.
Nesta pandemia tamén vimos como os nosos traballos, chamados esenciais, polos que tantos aplausos recibimos durante os meses de confinamento, teñen, na maioría dos casos, unhas condicións laborais e de precariedade absoluta: Limpadoras, traballadoras da alimentación, coidadoras de persoas dependentes, migrantes sen papeis etc. O noso labor, tan esencial, non ten os mesmos recoñecemento, nin os mesmos dereitos que outros, coma o caso das traballadoras do fogar, que seguen sen ter dereito ao desemprego mentres non se ratifique o convenio 189 da OIT.
Por outra banda, moitas compañeiras non conseguiron manter o seu posto de traballo, ou empeoraron as súas condicións, o que aumentou o número de mulleres en situación de precariedade, nas colas da fame horas, en situación de pobreza. As mulleres prostituídas están aínda mais escravizadas, moitas compañeiras seguiron a ser obxectos sexuais mesmo nas corentenas. As grandes esquecidas desta pandemia foron elas, as mulleres prostituídas espidas de dereitos, nunhas rúas constantemente controladas por patrullas policiais e militares.
Durante o primeiro estado de alarma, coa imposibilidade de saír da casa mais que a comprar produtos esenciais, aumentou o número de homes nas colas dos supermercados, relegando, unha vez mais, ás mulleres ás catro paredes do seu fogar. Unas paredes que, para moitas supuxeron un cárcere de onde non podían saír e que poñía en perigo as súas vidas, xa que o número de mulleres maltratadas e agredidas aumentou substancialmente.
Neste 8 de marzo, temos que lembrármonos das que nos precederon e da súa loita inesgotable para erradicar a violencia contra as mulleres, creando redes reais de apoio que afecten á vida de cada muller e a melloren a través da defensa dos nosos dereitos. Desde a PFG, desde o feminismo que nos une a todas, temos que comprometernos para loitar por una sociedade máis xusta que sosteña ás persoas e priorice a vida por riba de todo. Coa nosa loita, conseguiremos que todos os días sexan 8 de marzo!

Ir o contido