Diante da convocatoria de eleccións para esta fin de semana nas que o PP quere procurar un aval electoral ás súas políticas de recortes as mulleres que formamos parte de PFG non podemos nin queremos deixar de facer público o noso posicionamento. As enquisas reflicten a posibilidade de uña nova maioría do PP e pensamos que esta hipótese é un suicidio colectivo como pobo e máis aínda como mulleres.
Somos conscientes que ningunha das opcións que se presenta ou que se puideran presentar recolle todas as nosas demandas e de que, unha vez conseguido o obxectivo de non obter o PP a maioría, os nosos problemas non van desaparecer. Hai moito por mellorar nos partidos á esquerda do PP…
Cremos no voto útil; aquel que non axuda a elixir parlamentári@s da dereita machista, racista e homofóbica. Aquel que defende os nosos sinais de identidade como pobo. Aquel que avanza nos cuestionamentos que fai o feminismo; ese é para nós o voto máis útil posíbel.
Non imos entrar en consideración de a quen pero como feministas consideramos eixos fundamentais de calquera programa o contemplar medidas dirixidas á mellora das políticas cunha ollada de xénero, como o fortalecimento dos organismos autonómicos de igualdade, Planos de Igualdade continuados, con obxectivos concretos e avaliación transparente e a participación das organizacións feministas no seguimento destas políticas…
Un proxecto que reflicta un compromiso coa promoción da igualdade, con mecanismos de participación e recursos, e pola transversalidade na súa acción en materia de vivenda, seguranza, transportes públicos, emprego, sanidade. Uns Servizos Públicos que teñan garantida a súa universalidade e gratuidade, así como o firme compromiso de loitar para erradicar o terrorismo machista e a ampliación dos recursos económicos e humanos que cada un destes ámbitos precisar incorporar son os eixos para un “programa feminista”. Trátase de priorizar un enfoque social, das persoas, de elevar o gasto público en saúde e educación e de frear o proceso de privatización.
En definitiva un proxecto de país que contemple as seguintes Alternativas e propostas feministas para os programas electorais.
As eleccións están aí, ao final da semana e xogámonos moito. Son horas de comparar programas, coñecermos as propostas que para o futuro deste país e das súas mulleres se nos ofrecen e emitir un voto en consequencia: que non decidan por nós.