Cada oito horas violan a unha muller no Estado español. O dato repítese en todo o mundo e isto é posible polo nivel de tolerancia social ás agresións sexuais, unha forma de entender as relacións na que o dominio, o control e a necesidade masculina imponse a todo o demais.
Nos San Fermíns de 2016, la Manada, un grupo de cinco homes moi machos, saíron de caza, como eles mesmos denominan á súa forma de diversión: violar entre todos a un tempo a unha moza nun portal, con premeditación, brutalidade e saña. Unha violación que suma ás innumerables violacións e agresións sexuais que as mulleres temos que sufrir na nosa cotidianidade, moitas en silencio polo medo, a culpa, a vergoña, a condena social e sobre todo porque a xustiza esta PATRIARCALMENTE APODRECIDA.
Neste caso a moza denunciou. Agora, soubemos a sentenza de vergoña por esta terrible violación múltiple e a gravidade do asunto fixo que de forma urxente o movemento feminista convocara mobilizacións. A rabia e indignación colectiva están ben sustentadas, la Manada recibíu o apoio patriarcal e misóxino da xustiza, o apoio necesario para lograr a impunidade, para perpetuar a dominación masculina nas rúas e en calquera espazo, porque a función principal da violación está moi clara: a ameaza e intimidación constante das mulleres e así garantir o noso sometemento.
A violación desta muller e doutras tantas polo mundo, non remata coa agresión destes ben adestrados polo patriarcado. A ideoloxía patriarcal fíltrase diariamente en todos aqueles alicerces que sosteñen e xustifican o exercicio directo da violencia sexual cara ás mulleres, consolidando un sistema, o patriarcado, cuxa estrutura e os seus múltiples executores son os únicos responsables de que se condene por “abuso sexual” a cinco tipos que o que fixeron foi violar.
Vivimos nunha cultura da violación que lexitima este tipo de sentenzas e que dota de impunidade aos agresores e déixanos nunha posición de vulnerabilidade a todas as mulleres.
O caso da Manada é un de tantos e por iso saímos de novo ás rúas, para dicir alto e claro que a rúa e a noite tamén son nosas, que queremos sentirnos libres nas nosas cidades, nas festas, nas organizacións, nas aulas, nos traballos…
Os nosos corpos son obxecto de constante escrutinio público, compartimentannos, somos un nariz, unha cella, un peito, un cú… Cousifícannos. Apréndennos a calar e a agachar a cabeza diante dos homes, eles son os que saben e nunca somos boas abondo. Rematou!!! Reivindicámonos diversas e reais e amosamos o orgullo dos nosos corpos diversos e non estereotipados.
O patriarcado socialízanos como cidadás de segunda, supeditadas a compracer aos homes. E hai homes que fan uso dese poder. Os que marcan territorio cos seus piropos. Os que rin os chistes machistas, os que nos acosan, os que abusan de nós, os que nos agriden, os que nos violan, os que alentan a quen nos viola en manada…
Temos unha mensaxe para todos vós: non existimos para satisfacer os vosos desexos, non vivimos para ser algo voso, nin para estar o voso servizo. Somos persoas e somos valiosas!
Queremos sinalar tamén a quen mira para outro lado, a quen cala, a quen silencia, a quen lexitima ao agresor – persoas, organizacións, empresas, institucións-: sodes cómplices.
Sodes tan cómplices como quen ignora as miudanzas lexislativas esixidas polas feministas durante anos. Tan cómplices coma os xuíces que, amparados por leis patriarcais, ditan sentenzas misóxinas. Tan cómplices como os machirulos que dende forocoches e burbuja info acosan a feministas e difunden datos persoais da vítima da manada para identificala e acosala publicamente. Si, sodes cómplices e responsables da cultura da violación.
As mulleres compartimos experiencias, crémonos e estamos dispostas a tomar as rúas. A nosa mensaxe é clara: ante o voso pacto patriarcal que dura milenios estamos a responder con sororidade, con aquelarres multitudinarios que berran ao vento os nomes das nosas vítimas para convertelas en xenealoxía. E non hai nada que poidades facer para negalo ou evitalo.
Nunca mais unha muller sometida, nunca mais as nosas voces silenciadas. Somos multitude e estamos listas e preparadas para a loita.
Feminismo sen tregua!!