Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

O pasado 8 de marzo, máis unha vez, as mulleres galegas voltamos dar unha mostra de dignidade ao ateigarmos as rúas non só das cidades, senón tamén das vilas do país, para reivindicarmos os nosos dereitos e o fixemos acompañadas de millerios de persoas que cren nunha sociedade máis equitativa.

No caso concreto de Compostela superáronse as previsións e demostrouse que o feminismo calla no pobo. Neste 8 de marzo o activismo feminista erixíuse como unha (nova) revolución e isto vivíase na manifestación que rematou na Praza do Obradoiro, escenario doutra concentración histórica que tinguiu de violeta todas as rúas do percorrido. Nese día no que o feminismo ocupou tanto pola mañá como pola tarde as rúas amosamos un total respeito polo patrimonio cultural da cidade e pola contorna.

Mais “casualmente” días despois e cando por primeira vez o feminismo e as súas demandas era protagonista das portadas dos xornais durante varios días, aparecen unhas pintadas na zona vella de Compostela e algunhas forzas, con discurso interesado, comezan a sinalar con dedo acusatorio ao feminismo “radical”.

Como activistas feministas non queremos quedar caladas diante destes feitos. Da nosa banda non vamos entrar na criminalización da protesta social, mesmo cando non compartamos as formas, e preferimos achegar algúns elementos para a reflexión colectiva xa que nos resúlta sumamente sospeitoso que precisamente estean a sacar máis rendemento da aparición destas pintadas aquelas forzas políticas que nos últimos tempos están a cuestionar (ou permitir por omisión o cuestionamento) dos avances alcanzados en igualdade.

Sabemos que a extrema dereita esta en pleno auxe e tamén sabemos que cando unha ideoloxía como o fascismo, baseada no sometemento do débil, intenta coller forza as agresións e o ataque a aqueles movementos sociais que lles fan fronte, como é o caso do movemento feminista, forman parte do seu ritual no intento da toma do poder.

O activismo feminista respeita e defende activamente o patrimonio cultural deste país e portanto achamos que este non deve ser empregado como lenzo para reivindicacións ou para as críticas a unha institución que, como a xerarquía da igrexa, axuda a perpetuar discursos misóxinos.

Respeitamos e defendemos o noso patrimonio cultural, tamén a nosa lingua e unha cousa é ben clara, o movemento feminista compostelán ten o galego como a súa lingua propia. Gostariamos que algunha das persoas que se amosou sumamente escandalizada polas pintadas aparecidas tivera amosado a mesma contundencia e compromiso coa lingua do país cando se cuestiona a súa utlilidade ou se propón eliminar o seu uso das administracións públicas, esas que deben estar ao servizo de todas as galegas e galegos.

Para nós, activistas feministas, nestes últimos tempos producíronse feitos que si son motivo de escándalo:

– Na véspera do 8M e con decenas de mobilizacións e actos convocados por toda Galicia, o presidente da Xunta (ese que na teoría tamén nos representa), Alberto Núñez Feijóo, evitou declararse feminista porque seica descoñecía o alcance do termo. Nós achamos que debería terse amosado orgulloso de ser feminista, como os milleiros de persoas que nos acompañaron nas rúas. Máis aínda debería ter aproveitado e dicir cales son as medidas concretas dotadas de orzamento que adoptará e non rehuir de proclamar a defensa sen fisuras da igualdade. Ou é que non quere molestar aos seus posíbeis socios de goberno con nome de diccionario? (por certo unha ferramenta, o dicionario, que lle tería sido de grande utilidade neste caso).

– Dúas mulleres galegas foron asasinadas nos tres días posteriores ao 8M. Talvez no canto de pedir máis cámaras para controlarnos nas rúas son precisos recursos efectivos para evitar os asasinatos machistas.

– O clima de violencia política que está a agromar na sociedade froito dos discursos da extrema dereita declarada (e da non declerada). Sen ir mais lonxe esta fin de semana foi agredido FJM na cidade de Ferrol por un grupo de fascistas. A nosa solidariedade coa vítima e a nosa demanda para que as investigacións leven aos culpables diante da xustiza.

– O último do PP de Casado: aproveitar a vulnerabilidade das mulleres inmigrantes para lles roubar as crianzas tal e como acontecía no franquismo e na Transición. Teranos en frente!

Compostela marzo de 2019

Skip to content