As organizacións de mulleres, apoiadas por entidades cidadás e políticas, convocan mobilizacións en máis de 150 concellos en todo o Estado. Exixen ao Goberno de Rajoy que aumente nos Orzamentos Xerais a asignación destinada ao Pacto de Estado contra a violencia machista a 120 millóns de euros.
Ante o número incesante de mulleres 41 (dúas delas na Galiza) e criaturas 7 asasinadas no que levamos de ano, o movemento feminista considera que urxe un compromiso político que se traduza nun incremento de recursos. Para reclamar, o luns 19 de xuño, a mesma semana na que chegarán o PGE ao Congreso, convocáronse protestas nos concellos desde as 12 ás 00 horas. En cada un dos concellos organizáranse diversas accións de protesta, de información á cidadanía, obradoiros, e a lectura do manifesto e da moción que se van a presentar ao Pleno Municipal.
No Proxecto de Orzamentos do Estado, as actuacións para a prevención da violencia de xénero ascenden, tras a presión dos colectivos feministas, a 31,7 millóns de euros. Iso supón un 25,7% máis que en 2016 pero continúa sendo un 10% inferior que hai sete anos. Tamén se denuncia unha conxelación, en 19.741.840 euros, do Programa 232B Igualdade entre mulleres e homes, un 41,2% menos que en 2010.
Os 51,4 millóns de euros que suman ambos son o 0,011% dos gastos do Proxecto de Orzamentos do Estado. É necesario destinar máis recursos á prevención nos ámbitos educativo, sanitario e de medios de comunicación ou a atender a violencia sexual como prevé o Convenio de Istambul desde 2014. Tamén se reclama unha mellora da resposta xudicial e que se cubra o custo dos servizos xurídicos, psicolóxicos e sociais nas entidades locais, tal e como establece a Lei de igualdade.
No caso galego está prevista a lectura dun manifesto ás 12h do luns día 19 diante dos concellos de Ames, A Coruña, Compostela, O Grove, Lugo e Vilagarcía; en Vigo a lectura do manifesto e as actividades desenvolveranse diante do MARCO. As actividades extendereanse ao longo de toda a xornada como medida reivindicativa de presión. E as organizacións convocantes facemos un chamado a todas as organizacións sociais e persoas independentes que queiran sumar a estas actividades.
Doutra banda a asociación Buserana ven a se unir a esta iniciativa facendo entrega en tódolos rexistros dos concellos da Costa da Morte a moción “PACTO PARA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO” para que sexa presentada e aprobada nos plenos municipais. Tamén na Mariña desde a Mesa Interinsitucional de violencia de xénero do concello de ribadeo ven de amosar o seu apoio ao manifesto. No concello de Pontevedra e na comarca do Morrao será entregada a moción para a súa aprobación por parte das corporacións municipais.
As entidades que damos apoio á mobilización manifestamos que a violencia machista é unha cuestión de Estado, que afecta á metade da poboación e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes.
Se non se aposta economicamente por ese Pacto de Estado contra as violencias machistas, nacerá morto.
Toda a información sobre a convocatoria xeral e na Galiza* na páxina https://plataformafeministagalega.org/9xalertafeminista
*Esta información irase actualizando nas proximas horas