Ante a aprobación dos próximos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, as organizacións de mulleres convocamos unha #AlertaFeminista para seguir denunciando que estes orzamentos reflicten un modelo económico baseado en actividades produtivas depredadoras do medio ambiente, que non atenden as necesidades sociais e que agravan os problemas de desigualdade entre homes e mulleres con consecuencias desastrosas para o medio ambiente, a economía, a sociedade e sobre todo para a vida das mulleres.
Menor taxa de ocupación feminina, desigualdade salarial, precariedade, feminización dos coidados e aínda por riba, día a día, están a nos asasinar, a nós e ás nosas criaturas, ante a máis absoluta indolencia do goberno central, as institucións e os poderes públicos.
Así que como xa non podemos aguantar nin un asasinato máis e porque ademais non se mostra interese en acabar co machismo, nin cos privilexios que sustenta o patriarcado, porque os asasinatos de mulleres normalizáronse, porque mañá podemos ser calquera de nós, ou as nosas fillas, nais, veciñas ou amigas, é que mulleres e asociacións do movemento feminista mobilizámonos, para exixir recursos que rematen dunha vez con esta cegueira institucional e este patriarcado asasino.
Fartas de minutos de silencio, condenas virtuais e discursos que cada vez parecen máis hipócritas. Asfixiadas pola impotencia ante o continuo goteo de asasinatos de mulleres e criaturas. Mortes anunciadas que ninguén quixo evitar. Indignadas ante un Pacto de Estado que nacerá morto se non hai fondos para o seu desenvolvemento e aplicación.
E unidas polo obxectivo común de manifestar un rotundo rexeitamento á pasividade criminal dos poderes públicos, así como a esixencia innegociábel dunha partida orzamentaria suficiente para a loita contra a violencia machista e a favor da igualdade, proponse canalizar a rabia e a indignación provocada polo terrorismo machista ao redor dunha proposta concreta, colectiva e reivindicativa.
Cal é a proposta?
Trátase de facerse presentes o 19 de xuño en todos aqueles concellos nos que unha Asociación de Mulleres, entidade, organización ou un simple grupo de mulleres queira organizalo.
Cal é a exixencia?
Aumentar a 120 millóns de euros a asignación orzamentaria destinada á igualdade e á loita contra a violencia machista.
Por que ese día? Por que o 19 de xuño?
Porque nesa semana está previsto que se discuta e aprobe a última versión dos Orzamentos Xerais para o 2017.
En que consiste a acción?
A acción presenta 2 posibilidades, unha común e unha individual (non son excluintes):
- A parte común consiste en facerse presentes ás 12 horas da mañá do 19 de xuño nos Concellos para facer lectura pública dunha moción, instando ao Goberno do Estado á ampliación dos fondos destinados á loita contra a violencia machista.
- A parte individualizada en continuar até as 12 da noite, organizando actividades diversas que contribúan a argumentar a esixencia de orzamentos para a igualdade e contra a violencia.
Propomos unha acción descentralizada pero coordinada, na que hai unha parte común que é a primeira que citamos e que afecta a día, hora e contido. E unha parte opcional, a segunda, que sería adaptábel segundo a realidade de cada vila.
Trasladamos a proposta a todas aquelas plataformas, coordinadoras, organizacións e grupos de mulleres para que a fagan súa e a impulse, vila a vila, cidade a cidade.
Esta é unha proposta colectiva, sen patronazgos, tutelas nin protagonismos. Xorde das mulleres e é levada adiante por todas elas.
Esperamos que recollades esta iniciativa e que a fagades vosa, que a fagades medrar. Que o 19 de xuño nos fagamos visíbeis, dun modo maioritario, en todos os concellos da Galiza e que esta iniciativa consiga o efecto desexado.
Está nas nosas mans e aféctanos directamente a todas nós. Compañeiras, temos que sumar se queremos mudar esa dotación orzamentaria e acabar cos asasinatos machistas.
*O texto foi lanzado inicialmente nas redes polo movemento feminista do País Valencià