O pasado domingo un novo asasinato machista golpeaba a toda a sociedade galega, esta vez tivo lugar en Sancovade (Vilalba), onde un asasino machista, Manuel Vázquez Vázquez, decidiu quitar a vida á ex-muller, por iso saímos hoxe de novo ás rúas e prazas para berrar con indignación e condenar este feminicidio.
Sobre este home pesaba unha orde de afastamento, sobre el tamén tiña advertido a súa familia e a ex-muller. María del Carmen dicía que tiña medo porque o seu asasino non asimilaba que ela xa non quería compartir a súa vida con el. Todo foi en vano e ela foi asasinada. María del Carmen é a segunda víctima de violencia machista en Galicia neste ano, a número 33 a nivel estatal, nun baile de cifras que non deixa de medrar, xa que os Xulgados Galegos recibiron dende comezos de ano 1736 denuncias por violencia machista, un 38% máis que nas mesmas datas do ano pasado.
Hoxe concentrámonos para condenar este asasinato e para denunciar as discriminacións, a desigualdade e a violencia que día a día sofremos as mulleres e que leva, nas súas últimas consecuencias, a que sexamos asasinadas, e no día a día a que sexamos apartadas, a que nos rouben espazos, a que os medios de comunicación nos invisibilicen e a que os nosos dereitos nunca estean plenamente conseguidos xa que se ven sempre ameazados por partidos de dereitas que buscan recortar a nosa capacidade de decidir sobre nós mesmas, pretenden eliminar aqueles espazos que nos custou anos de loita conseguir e que non poidamos gozar plenamente dos dereitos que coma mulleres e coma cidadás nos corresponden.
Estamos na rúa de novo para berrar que imos loitar contra o patriarcado, que imos illar aos machistas, que imos acurralar a todos aqueles que queiran usar a violencia contra nós, que somos mulleres, que somos feministas e que somos xa multitude.
Sairemos as rúas sempre que faga falta e berraremos até acadar que toda a sociedade berre con nós, coma no xa histórico 8M. Non perdemos de vista o traballo que nos queda por facer e no que todas, da man, xuntas: traballadoras, desempregadas, estudantes, nais, fillas, avoas, netas… todas camiñamos xuntas cara un obxectivo común: derrotar o patriarcado criminal.
Imos acalar a todas aquelas persoas que negan a violencia machista, imos acalar a todas as persoas que seguen a dicir que o feminismo non é necesario e sobre todo, imos loitar contra todas as forzas que pretenden fragmentarnos e enfrontarnos para diminuír a nosa forza. O machismo é unha unha pandemia alimentada pola ultradereita e os partidos que silencian e calan, cómplices, ante os que nos están a asasinar.
Non esquezamos que os medios continúan a nos rematar: é imprescindible que se poña o foco no asasino, no maltratador, no machista e no agresor e non só nas víctimas e sobrevivintes do terrorismo machista. Estamos na rúa porque é urxente e imprescindible que dunha vez por todas, os feminicidios teñan unha cobertura mediática con perspectiva feminista, estamos na rúa porque hai que abordar o machismo e a violencia dende idades temperás nas escolas, estamos na rúa por todas as que antes estaban e agora xa non están, estamos na rúa para que se fale da opresión, das relacións de poder, dos estereotipos e da necesidade de que a violencia machista sexa considerada como o que é na realidade: un problema social e político que asasina mulleres.
Querémonos libres e querémonos vivas!
Convocatorias
• A Coruña, 20h Obelisco
• A Estrada, 21h diante do Concello
• A Guarda, 21h Praza do Reloxo
• Allariz 20h Praza do Concello
• Ames, 19:30h Pazo da Peregrina (Bertamiráns)
• As Pontes, 20h Praza do Hospital
• Betanzos, 20h a carón do Palco da Música
• Burela, 20.30h Praza da Mariña
• Carballo, 20h Praza do Concello
• Celanova, 20h Praza Maior
• Compostela, 20h Praza 8 de marzo
• Chantada, 20.30 Rúa Leonardo Rodriguez
• Ferrol, 20h Praza de Amada García
• Lalín, 21h Praza da Igrexa
• Laxe, 21h Praza Ramón Juega
• Lugo, 20h Diante do Concello
• Melide, 20h Praza do Convento
• Miño, 21h Praza do Parchís
• Moaña, 19;45h Praza do Concello
• Monforte, 20:30 Concello
• Ourense, 20h Castañeira
• O Barco, 20h Praza do Concello
• Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
• Porriño, 20:30h Praza do Concello
• Redondela, 21h Praza do Concello
• Ribeira, 20h Praza do Concello
• Ribadavia, 20h na Praza Maior
• Sada, 20h na Praza San Roque
• Val Miñor, 20h Rotonda da Ramallosa
• Vilagarcía, 20;30 Praza de Galicia
• Vilalba, 20h Praza da Constitución
• Vigo, 20h MARCO