Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

Hoxe, 9 de setembro, o movemento feminista en todo o estado, saimos á rúa nun exercicio de sororidade con Juana Rivas, coa loita de todas as Juanas e para que ningunha criatura teña que convivir cun maltratador. Saimos a loitar xuntas polos nosos dereitos e para nos rebelarmos contra a violencia institucional e contra a xustiza patriarcal que nos pon en perigo a nós e aos nosos fillos e fillas.

Francesco Arcuri foi condenado en 2009 por un xulgado penal de Granada por violencia machista, por golpear repetidamente a Juana Rivas. En 2016, Juana volveu recorrer á Xustiza pola súa situación de malos tratos reiterados. Con todo, a tradución e tramitación desta denuncia estivo máis dun ano sen ser executada, e non se tomou ningunha medida para protexer a Juana nin aos seus fillos. Despois desta vergoñosa actuación, o sistema xudicial forzou a Juana a entregar aos seus fillos a un maltratador. Así, a “Xustiza” considera que un home que maltrata, que golpea, que insulta e que humilla, ten dereito á custodia de dous menores. Durante o proceso xudicial non se protexeron os dereitos dos dous nenos conforme ao Estatuto da Vítima e a Lei do Menor, que exixe que se asegure para estes unha contorna libre de violencias, e conforme ao art. 31 do Convenio de Istambul, asinado por España, para que o exercicio de ningún dereito de visita ou custodia poña en perigo os dereitos e a seguridade da vítima e das criaturas. Así pois tampouco se cumpriu o obxectivo de intensificar a asistencia e protección dos menores, recollido no recentemente aprobado documento para a elaboración do Pacto de Estado, no que se explicita que: “a custodia compartida en ningún caso será imposta en casos de violencia de xénero, nin poderá adoptarse, nin provisionalmente, se está en andamento un procedemento penal por violencia de xénero e existe orde de protección”.

Ademais, non se respectou o seu dereito a ser escoitados e tomados en conta, habendo neste caso un menor maduro de once anos.

É máis, tivemos que ver como se chamou a declarar como investigadas á asesora legal e a psicóloga do Centro da Muller de Maracena, e á familia de Juana Rivas até o segundo grao de consanguinidade. Desta forma, o sistema xudicial patriarcal non só persegue a Juana e a toda a súa rede de apoio, senón que ataca directamente aos centros de atención á muller, ao conxunto das mulleres e a todas aquelas persoas que as apoian.

O caso de Juana Rivas é o máis visible de toda unha serie de casos de violencia institucional contra as mulleres, que se suma ás múltiples violencias que enfrontamos cada día. Así, de forma sistemática, cando acudimos ao sistema xudicial para denunciar estas violencias, cuestionasenos, humíllasenos e déixasenos desprotexidas. Ao mesmo tempo que se reforzan argumentos neosexistas como a suposta Síndrome de Alienación Parental (non recoñecido polos sistemas de clasificación diagnóstica oficiais) e o discurso das denuncias falsas (que segundo a Fiscalía Xeral do Estado son só o 0,01% do total).

É por iso que o movemento feminista sae hoxe a loitar contra a violencia institucional como última expresión do machismo estrutural arraigado na nosa sociedade. As institucións non poden seguir animando ás mulleres a que denuncien a violencia de xénero cando o sistema non as protexe nin a elas nin aos seus fillos e fillas, e deben reflexionar sobre o feito de que o sistema de Xustiza non sexa percibido polas vítimas como un elemento de protección e seguridade.

Cartaz convocatoria Galiza manifestación 9 de setembroAs feministas interpelamos á xustiza por non ser xusta, por ser parcial. Interpelamos críticamente á xustiza, ás institucións políticas e aos medios de comunicación porque non fixeron da violencia contra as mulleres un obxectivo político.

Hai moitas mulleres que cada día sofren violencia machista sen que a sociedade, nin esas persoas que tanto defenden o Estado de Dereito, levanten a voz para denuncialo, nin digan unha palabra para apoialas. Só no que vai de ano, 59 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas e 7 criaturas foron asasinadas polos seus pais maltratadores e a sociedade non se conmove, non sae á rúa a demandar medidas reais. As institucións limítanse, cando o fan, a un minuto de silencio, coma se os asasinatos de mulleres entraran dentro da normalidade, coma se fose o prezo que as mulleres debemos pagar por rebelarnos contra o mandato patriarcal.

Necesitamos e exiximos leis e políticas dotadas con medios e recursos suficientes, que nos protexan, a nós e á nosa descendencia, que non se nos marxine e ignore, porque todas somos esa muller loitadora que, nun determinado momento ten que enfrontarse, soa, ao home que a esnaquizou, procurando nas institucións que deberían protexela un apoio que en non poucas ocasións, non atopa.

Exiximos que as institucións actúen para a protección dos menores e de Juana. E exiximos o fin da violencia institucional contra todas as mulleres e un sistema xudicial que loite de verdade contra as violencias machistas. O que pasa necesariamente por esixir a formación en perspectiva de xénero de todos e todas as profesionais que forman parte del, e por contar co movemento feminista e aplicar a perspectiva de xénero á hora de lexislar e levar a cabo a lei.

Denunciamos a ineficacia das políticas de prevención contra a violencia machista, ao careceren, en moitas ocasións dos medios e recursos necesarios para facerlle fronte: non é de recibo que os xulgados específicos pechen no verán por non haber capacidade orzamentaria. Non é de recibo que haxa centros dependentes, en última instancia, da administración como son os CIM onde non se cumpren os requisitos fixados normativamente ao non contaren co persoal mínimo requirido… Denunciamos o peche de recursos como o CIM de Ponte Candelas; reaberto mais no que as profesionais continúan a ser illadas provocando a desprotección de todas as mulleres dese concello.

Como mulleres, como feministas, non queremos quedar caladas ante o acoso que algúns medios de comunicación e diferentes colectivos machistas están a levar adiante contra o movemento feminista e que se están a servir do caso de Juana Rivas para arremeter contra as nosas reivindicacións.

Para finalizar queremos destacar o importante papel que historicamente supuxo o movemento feminista na loita polos dereitos das mulleres e lembrar a todo o mundo que revelarse contra as inxustizas non só é lexítimo, senón que foi a forma a través da cal se conseguiron importantes mudanzas sociais ao longo da historia.

Se tocan a unha, respostamos todas! Adiante o feminismo!

Skip to content