Esta noite estamos aquí por un só motivo: supervivencia. Este verán pasará ao recordo como un verán catastrófico para este país. O pasado luns un novo o Feminicidio golpeaba a toda a sociedade galega, desta volta en Cordeiro-Valga, onde un asasino machista, José Luis Abet Lafuente, decidiu quitar a vida a tres mulleres: Sandra Boquete, Alba Boquete e María Elena Jamardo, diante das dúas crianzas de 4 e 7 anos.
Cada día acordas e ves as novas: no que vai de 2019 rexistráronse 42 agresións sexuais múltiples, das cales só no mes de xullo foron nove. Nestas agresións catro dos grupos de agresores estaban formados por, polo menos, un membro das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (eses que din defendernos). Os dous casos perpetrados pola Manada en Pozoblanco e Pamplona, o caso denunciado nunha base militar en Antequera e, por último, o caso de dous policías en Estepona. Acordas e sabes que tres violacións son denunciadas no estado diariamente, e aínda así, un 80% non son denunciadas.
No que vai de ano contabilizáronse 74 feminicidios: 39 deles, practicamente a metade, só este verán. O mes de xullo foi o peor en 13 anos. Sen esquecer, doutra banda, o incremento das agresións ao colectivo LGBT que se produciron este verán, sobre todo, nas portas de locais de lecer e discotecas.
Por que de noite? Por que iluminamos esta maldita escuridade? Máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa. Estas rúas, compañeiras, aínda non son nosas.
Este verán non foi un verán máis, e non podemos finxir que o foi. Con estes datos só nos queda rabia, impotencia, e, a verdade, medo… Dixéronnos que xa está todo conseguido, e aínda tentan convencernos de que non temos ningún motivo para estar aquí. Pero neste mundo ser muller é máis perigoso ca ser home, convivimos coa dúbida de quen será a seguinte.
Estamos desamparadas, non podemos confiar nunha xustiza que segue sendo patriarcal, nunhas institucións que miran cara outro lado, nunha parte da sociedade espectadora e cómplice. A violencia non é illada, é sistémica.
Este verán fomos testemuñas de campañas que custan millóns de euros e seguen pondo o foco nas mulleres en lugar de nos agresores, perpetuando a clásica violencia institucional: pedir continuamente ás mulleres que denunciemos, cando non se ten unha estrutura de protección segura, é unha irresponsabilidade. É unha vergoña!
Esta barbarie ten que rematar, esta noite, e todas as noites, temos que unirnos e berrar. Remataron os minutos de silencio. Aquí estamos e estaremos, denunciaremos cada caso de acoso, pederastia, explotación sexual e trata, violacións e agresións.
Esiximos ás institucións medidas que muden as estruturas, cambios integrais do sistema. Erradicar a violencia é unha cuestión de estado, é unha prioridade, é unha Emerxencia Feminista.
Precisamos mudanzas estruturais. As Institucións son machistas, as leis vixentes, como a Lei de Estranxeiría ou a chamada Lei Mordaza, criminalizan a pobreza, a diversidade das persoas, a protesta, perseguen e estigmatizan ás que chaman persoas “ilegais”. Ningunha persoa é ilegal!
A Lei Estatal de Violencia de Xénero é insuficiente xa desde a súa formulación, pois non é aplicable a todas as violencias machistas que sufrimos. E a Lei Galega de violencia de xénero, por falta de vontade de quen pacta con quen nega o terrorismo machista, carece de recursos para ser efectiva.
A aplicación das leis é realizada por unha xustiza patriarcal. É intolerable que moitas resolucións xudiciais, por alegación de falta de probas, prive a mulleres e menores que denuncian do principio de inocencia, protexendo a maltratadores, abusadores, violadores en situacións nas que debería prevalecer a protección e seguridade de posibles vítimas. Sabemos que en moitas ocasións eses maltratadores rematan asasinando. Quen repara tanto dano e dor? O cárcere non evita os danos, non é disuasoria e non buscamos vinganza, queremos evitarnos a dor. En innumerables ocasións nin sequera hai denuncias, polo propio medo ao maltratador ou porque vemos a súa inutilidade. Violéntannos máis dunha vez, polo calvario que supón o trámite policial, de forenses, servizos sociais, medios de comunicación. Vémonos expostas unha e a outra vez a un sistema profundamente patriarcal.
Hoxe, 20S, comezan en todo o planeta as mobilizacións polo clima. Reivindicamos o dereito a un medio ambiente saudable, o dereito á terra, á auga, á protección da biodiversidade. As mulleres loitamos en todo o mundo por defender o planeta e moitas compañeiras son perseguidas, encarceradas e, en demasiadas ocasións, asasinadas por enfrontarense a multinacionais enerxéticas, mineiras e outras que continúan a destruir bosques e terras e asasinan a poboacións autóctonas. Estas corporacións son as responsables directas da mudanza climática. Os negocios do capitalismo non poden estar por riba das vidas. Facemos un chamado a participar das mobilizacións convocadas polo Movemento Galego polo Clima nesta semana. Mulleres en pé contra o capitalismo e a súa explotación!
Finalmente chamámosvos a vós: compañeiras, amigas, irmás, mulleres; a que loitemos xuntas contra a desigualdade e as violencias machistas.
E a vós, homes, non consintades, non sexades cómplices, non caledes e berrade connosco.
O Movemento Feminista aposta por unha loita organizada, política e apartidista de mulleres diversas e persoas LGBT con voz propia. Xuntas somos máis fortes!!!
20 de setembro de 2019