POR UNHAS FESTAS LIBRES DE MACHISMO
Un ano máis chegamos aos días de Nadal, unhas datas cheas de festas e celebracións, especialmente no caso da xente moza. Por desgraza, este incremento das relacións sociais provoca que as mulleres sexamos novamente vítimas dunha violencia machista que rodea a nosa sociedade e que nos impide desfrutar destes días. En contextos onde o alcohol e as multitudes parecen servir de coartada aos homes, xorde un terreo abonado para que aflore a expresión máis violenta e explícita do patriarcado.
As agresións físicas e sexuais, os piropos, os roces, a mercantilización do noso corpo co obxectivo de sermos o reclamo en pubs e discotecas… todo isto non son máis que múltiples expresións do mesmo sistema patriarcal que segue sustentando unha cultura da violación onde por se non fora pouco, as mulleres seguimos sendo culpabilizadas (xa sexa pola nosa maneira de vestir, por maquillarnos, por saír de noite ou por beber) mentras que os agresores son xustiticados ao mesmo tempo que a sociedade, servindo de cómplice, relega a prevención das agresións nas propias mulleres: somos nos quenes temos que aprender a defendernos en vez de amosar aos homes a non agredir.
Esta maneira de construir as relacións sociais onde os desexos, o dominio e o control masculino se impoñen a todo o demáis tradúcese no acoso ás mulleres, onde unha vez máis se normaliza e trivializa a agresión sexual.
Un dos problemas que subxacen a esta cultura da violación é o feito de que existe unha crenza ou máis concretamente, un perfil estereotipado do violador: un estraño, un tolo solitario que actúa en portais aproveitando a oscuridade e a soidade da víctima. Debemos ser conscinetes de que non son “pobres homes desequilibrados” aos que as circunstancias lles arruinaron a vida. A maioría de agresións sexuais son cometidas por homes do entorno da vítima, chegando a ser incluso en moitas ocasións a propia parella. Se a violación está aceptada e normalizada é precisamente porque este tipo de agresión “illada” parece ser a unica existente.
Esta cultura nacida do machismo, que nos coarta a nosa liberdade mediante o medo a saír de noite mentras que a outra metade da poboación desfruta dos espazos públicos sen ataques de ansiedade, é unha faceta moi perigosa e asumida do patriarcado.
Máis aló dos contextos de festa, as mulleres tamén sufrimos a lacra do patriarcado no noso propio fogar. Nestas datas de comidas familiares, seguen sendo as nais e/ou avoas quenes preparan a cea e quenes intentan satisfacer as peticións de todolos comensais da mesa, levantándose en numerosas ocasións e sendo incapaces de desfrutar dunha velada tranquila. Somos polo tanto relegadas unha vez máis ao papel de coidadoras e amas do fogar, un traballo invisible e non remunerado no que os homes en vez de corresponsabilizarse (o que implicaría unha ruptura co tradicional roubo de tempo privado das mulleres) simplemente se pseudoimplican (asumen que o groso destas tarefas son responsabilidade nosa e que eles como moito só poden “axudar).
Dende a Plataforma Feminista Galega reivindicamos unhas festas nas que sentirnos seguras, libres e nas que a corresponsabilidade das tarefas sexa unha realidade.
Construímos outras festas,
construímos feminismo.
—-
POR UMAS FESTAS LIVRES DE MACHISMO
Mais um ano chegamos aos dias de Natal, datas cheias de festas e celebraçons, nomeadamente no caso da gente nova. Infelizmente, este incremento das relaçons sociais provoca que as mulheres sejamos novamente vítimas dumha violência machista que envolve a nossa sociedade e que nos impede desfrutar. Em contextos onde o álcool e as multidons parecem servir de coarctada aos homens, surge um terreio abonado para que aflore a expressom mais violenta e explícita do patriarcado.
As agressons físicas e sexuais, os piropos, os roces, a mercantilizaçom do nosso corpo com o objectivo de sermos o reclamo em pubs e discotecas… todo isto nom som mais do que múltiples expressons do mesmo sistema patriarcal que segue a sustentar umha cultura da violaçom onde por se nom fora pouco, as mulheres seguimos sendo culpabilizadas (bem pola nosa maneira de vestir, por nos maquilhar, por sair ou por beber) enquanto os agressores som justificados ao mesmo tempo que a sociedade, servindo de cúmplice, relega a prevençom das agressons às próprias mulheres: somos nós quem temos que apreder a nos defender em troca de ensinar aos homens a nom agredir.
Este jeito de construir as relaçons sociais onde os desejos, o domínio e o controlo masculino está imposto perante todo o demais é traduzido em acosso às mulheres, onde mais umha vez se normaliza e trivializa a agressom sexual.
Um dos problemas que subjazem a esta cultura da violaçom é o facto de que existe umha crença, ou mais concretamente, um perfil estereotipado do violador: um estranho, um tolo solitário que actua em portais aproveitando a obscuridade e a soidade da vítima. Devemos ser conscientes de que nom som “coitados homens desequilibrados” aos que as circunstáncias lhes arruinarom a vida. A meirande parte das agressons sexuais som cometidas por homens da contorna da vítima, chegando a ser mesmo em muitas ocasions a própria parelha. Se a violaçom está aceitada e normalizada é precisamente porque esse tipo de agressom “isolada” parece ser a unica existente.
Esta cultura nada do machismo, que nos coarta a nossa liberdade mediante o medo a sair de noite enquanto a outra metade da populaçom desfruta dos espaços públicos sem ataques de ansiedade, é umha faceta muito perigosa e assumida do patriarcado.
Além dos contextos de festa, as mulheres também sofremos a lacra do patriarcado no nosso próprio fogar. Nestas datas de comidas familiares, seguem sendo as nais e/ou avoas as que preparam a ceia e intentam satisfacer as petiçons de todos os comensais da mesa, levantando-se em numerosas ocasions e sendo incapazes de desfrutar da velada tranquilamente. Somos polo tanto relegadas mais umha vez ao papel de cuidadoras e amas do fogar, um trabalho invisível e nom remunerado no que os homens em vez de corresponsabilizar-se (o que implicaria umha ruptura com o tradicional roubo de tempo privado das mulheres) simplesmente se pseudoimplicam (assumem que o grosso das tarefas som responsabilidade das mulheres e que eles como muito apenas podem “ajudar”).
Desde a Plataforma Feminista Galega reivindicamos umhas festas nas que nos sintamos seguras, livres e nas que a corresponsabilidade das tarefas seja umha realidade.
Construímos outras festas.
construímos feminismo.
( 23 de decembro de 2016 )