Compañeiras, compañeiros, desgraciadamente vémonos na obriga de ter que voltar ás rúas para denunciar o feminicidio de Anabel Varela Ordóñez, muller de 50 anos asasinada o pasado domingo polo marido Julián G.P., na casa familiar de Cabana de Bergantiños e diante da súa filla e fillo.
Estamos fartas dos feminicidios, do patriarcado, o machismo mata, estamos ante cifras cada vez máis alarmantes dunha realidade na cal as mulleres estamos a ser asasinadas. As cifras, os datos, son realmente desoladores para nós, que somos o 50% da poboación. Son milleiros as mulleres que teñen que sufrir cada día no mundo violencia por parte daquela persoa que prometía amalas.
Outra vez temos que denunciar como os medios de comunicación tratan de xustificar este horrible crime, xa que de novo aluden a que o home estaba en tratamento por depresión e non estaba tomando a medicación. Os medios de comunicación teñen a obriga de asumir como propia a loita pola erradicación das violencias contra a muller, a obriga de non buscar xustificacións para o que son crimes machistas, a obriga de participar na educación en igualdade.
Non podemos aturar que os medios de comunicación sigan a utilizar a enfermidade mental como escusa para o asasinato. Estamos acostumadas a ler que cando un asasino mata (e é home, branco e de clase media), faino porque tiña problemas de saúde mental, estigmatizando así ás persoas con enfermidade mental. Non, Julián non matou a Anabel por que estivera deprimido; o machismo non é unha enfermidade, é o sistema que nos discrimkina e asasina por sermos mulleres.
É urxente que dunha vez por todas a cobertura dos feminicidios se faga con perspectiva de xénero, que o debate sobre o machismo e a violencia poida ser tratado nas escolas. Combater o patriarcado pasará por educar ás nosas crianzas na máis radical igualdade. De xeito natural, cada xeración suponse que vai ser máis tolerante, avanzada, igualitaria e xusta que as anteriores, pero non parece que esteamos a dar grandes pasos cara diante, cando hoxe temos que estar de novo aquí.
Urxe considerar a violencia machista como un dos principais problemas desta sociedade, como problema social e político de extrema gravidade. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos 5 anos medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista, máis de 700 no estado español.
Non podemos permitir que se continúe a poñer o foco sobre as mulleres, que sexan elas quen teñan que denunciar, que sexan elas quen actúen, quen tomen as medidas de protección e que o fagan polas súas crianzas. Ademais, de facelo, corremos o risco de que nos fagan como a Juana Rivas, compañeira sobre a que recaeu a xustiza patriarcal. As campañas haberían de estar dirixidas aos maltratadores, aos violadores, aos asasinos.
Estamos aquí porque estamos fartas da violencia, das agresións; mentres este sistema patriarcal non se erradique, non haberá nin democracia nin igualdade real. Estamos aquí porque queremos mudar esta insostíbel situación, porque as nosas vidas están en perigo, porque non imos ficar caladas, porque onte foron María Magdalena no Porriño e María Judite na Coruña, hoxe é Anabel en Cabana de Bergantiños, pero mañá podemos ser calquera de nós as asasinadas a mans dun terrorista machista.
Seguiremos saíndo ás rúas ao día seguinte de saír publicado na prensa escrita un asasinato machista, farémolo todos os días que fagan falta para esixir xustiza, para loitar pola igualdade e o respecto, para berrar contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista.
Queremos poder ser libres. Libres para poder circular de noite, libres para poder andar soas polas rúas, libres para poder separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten.
QUERÉMONOS VIVAS!
Este manifesto foi consensuado pola coordenadora local da Marcha Mundial das Mulleres
e da Plataforma Feminista Galega da Coruña