Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

O Movemento Feminista Galego sae á rúa este sábado 9 ás 19h en 9 cidades para reclamar unha xustiza sen machismo e para colocar no debate público a necesidade de dotar de medios e profesionais a unha xustiza que non protexe ás mulleres que sufren violencia. Juana Rivas é só un exemplo mediático do que a xustiza machista fai todos os días, tamén no noso país.

A situación á que se enfrontaron Juana e os seus fillos non é un caso illado. Hai moitas mulleres que se atopan nunha situación similar e sabemos que a Xustiza non responde protexéndoas senón que, en demasiadas ocasións, prioriza os dereitos do maltratador. Na creación das leis e na aplicación que delas se fai operan mecanismos ideolóxicos e sociais que favorecen sempre a quen ten o poder. Nestes casos, mecanismos patriarcais.

Que nin os xuíces e xuízas nin o persoal que traballa nos xulgados teñan formación abondo en dereitos da infancia e machismo, é algo que lles impide comprender por que as mulleres actúan como o fan, ou a que teñen que enfrontarse cando deciden pór unha denuncia por malos tratos, ou como opera o machismo. Esa falta de formación fai difícil que comprendan que un maltratador non é un bo pai, nunca e que as nenas e nenos están en perigo cun maltratador, sempre.

Hai moitas mulleres que cada día sofren violencia machista sen que a sociedade, nin esas persoas que tanto defenden o Estado de Dereito, levanten a voz para denuncialo, nin digan unha palabra para apoialas. Este ano 66 mulleres e 7 criaturas foron asasinadas polo terrorismo machista, pero a sociedade non se conmove, non sae á rúa a demandar medidas reais. As institucións limítanse, cando o fan, a un minuto de silencio, coma se os asasinatos de mulleres entrasen dentro da normalidade, coma se fose o prezo que as mulleres debemos pagar por rebelarnos contra o mandato patriarcal.

Hai moitas Juanas. Temos exemplos sobrados de mulleres que entregaron ás súas fillas e/ou fillos, como lles ordenou o xulgado correspondente, e non os volveron ver. Ben sabemos que moitas veces os maltratadores ameazan con matar as súas fillas e/ou fillos (e demasiadas veces non fica só en ameaza) para someter ás mulleres.

Calquera de nós poderiamos vernos nesa situación: o terrorismo machista, dunha forma ou outra asexa a todas e non debemos rendernos nin ser indiferentes.

Juana non é a única, hai outras nais que están tamén en paradoiro descoñecido. Non loitan pola súa vida unicamente, senón pola das súas fillas e fillos e, sáibano ou non, pola de moitas outras mulleres e outros tantos nenos e nenas.

O menos que podemos facer é apoialas e por iso o sábado 9 de setembro saímos ás rúas na Galiza e en máis de 30 cidades en todo o Estado porque xamais un maltratador será un bo pai. Por Juana Rivas e todas as demais mulleres que teñen que loitar contra as leis machistas que non nos protexen.

Na Galiza as convocatorias son as seguintes:
As Pontes: 12h na Praza do Hospital
Compostela: 19h na Praza 8 de marzo
Coruña: 19h no Obelisco
Ferrol: 19h na Praza Amada García
Lugo: 19h na Praza Maior
Ourense: 19h Subdelegación do Goberno
Pontevedra: 19h na Praza da Peregrina
Ribeira: 19h na Praza do concello
Vigo: 19h diante do MARCO

CONCENTRACIÓN EN RIBEIRA

CONCENTRACIÓN E MANIFESTACIÓN EN OURENSE

CONCENTRACIÓN E MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

CONCENTRACIÓN E MANIFESTACIÓN EN A CORUÑA

<iframe src="https://www.facebook.com/plugins/video.php?href=https%3A%2F%2Fwww.facebook.com%2Fplataformafeministagalega%2Fvideos%2F1526895640730255%2F&show_text=0&width=560" width="560" height="316" style="border:none;overflow:hidden" scrolling="no" frameborder="0" allowTransparency="true" allowFullScreen="true"></iframe>

CONCENTRACIÓN E MANIFESTACIÓN EN VIGO

CONCENTRACIÓN E MANIFESTACIÓN EN PONTEVEDRA

CONCENTRACIÓN EN LUGO

CONCENTRACIÓN EN FERROL

Skip to content