O 7 de novembro convocadas polo movemento feminista atoparémonos en Madrid porque consideramos necesario intervir, e unir o noso berro para transversalizar a nosa loita e exixir que as violencias machistas sexan unha cuestión de Estado.
Porque o persoal é político; os poderes públicos non poden permanecer alleos ao feito de que as mulleres non gozamos dos mesmos dereitos e liberdades que o resto da cidadanía. Exiximos un protocolo de emerxencia inmediato, así como a dotación dos medios necesarios para unha óptima aplicación das leis existentes para evitar máis mortes e garantir o dereito a unha vida libre de violencias machistas.
Este verán foi un dos máis sanguentos para as mulleres, non hai máis que ver as cifras dos asasinatos de mulleres, violencia patriarcal en estado puro, un dos reflexos máis desesperantes do patriarcado. E a pesar das protestas das asociacións feministas e algunhas “declaracións institucionais” constatamos que máis unha vez non é tratado como unha cuestión de Estado, de nación, importante que debería ser o centro dos debates políticos.
Por iso seguimos coma sempre en alerta e o 7 de novembro de 2015, ás 12h, mulleres e colectivos feministas marcharemos xuntas a Madrid para exixir que a loita contra as violencias machistas sexa unha cuestión de Estado. Tamén faremos actos en todas as cidades.
Desde a Plataforma Feminista Galega convidamoste a te xuntares a esta marcha, xa que a erradicación das violencias machistas e das violencias cara ás mulleres é unha cuestión que atinxe a toda a sociedade.
Desde o grupo de traballo para a preparación en Compostela convidamos ás mulleres e colectivos que teñan vontade a participar do encontro aberto que teremos o vindeiro 23 de setembro, ás 19:30h no CSA As Fontiñas.
Participa do grupo de traballo para a preparación da marcha do 7N!
Nin un feminicidio máis! Abonda de violencias machistas e de inacción por parte da xustiza e dos gobernos!