Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

Logo de ler as denuncias publicadas nos últimos días en redes sociais por varias compañeiras a respeito das agresións machistas que sofreron en diferentes organizacións da esquerda “revolucionaria” sentimos a necesidade de nos situar ao seu carón e dar unha resposta como colectivo á súa denuncia porque nos identificamos coas súas palabras e queremos darlles todo o noso apoio. Ademais, queremos facer notar que os feitos máis comentados en redes sociais non son un caso illado e puntual nen son exclusivos dunha organización concreta. Sabemos por experiencia que en todas as organizacións mixtas hai casos de agresións machistas.

A publicación da nosa resposta non foi inmediata porque queriamos tomarnos o tempo para meditar, para falar coas compañeiras agredidas e entre nós. E aínda que foron días de moito traballo como activistas non queremos deixar de responder e menos agora.

Ao longo dos anos como activistas feministas temos vivido (e coñecido) ataques sexistas por parte de militantes da esquerda: como parella, como compañeiras de organización, como rede de amizade e nos espazos de lecer. Recoñecemos tamén que en máis dunha ocasión non fomos quen de afrontarmos colectivamente estas situacións.

Agradecemos a todas as compañeiras por dar a coñecer as súas denuncias e por poñer na mesa un problema sério colectivo, neste caso, do colectivo da esquerda “revolucionaria” e alternativa. Darémosvos acubillo e mediaremos coas as organizacións. Ningunha agresión debe quedar sen resposta.

Sabemos que hai máis persoas que as denunciadas publicamente que practican a violencia contra as mulleres nos movementos da esquerda: violencia psicolóxica, sexual, física, institucional… hai máis experiencias e casos na sombra de silencio e conivencia das organizacións e colectivos que se din de esquerdas. Os feitos que coñecimos nos últimos días son só unha pinga máis nun vaso que rebordou.

É por iso que queremos dar resposta, porque se hai casos de violencia machista que persisten durante anos, é evidente que é precisa unha mudanza de estratexias, feitos, prácticas… unha verdadeira mudanza na esquerda. Até o de agora todas as accións e medidas tomadas fan que sexan as mulleres as que desaparecen do mapa como resultado da violencia machista; son medidas que non rompen coa lóxica patriarcal. É a mesma lóxica das medidas que criticamos cando son tomadas por estados, gobernos, empresas e partidos que calificamos de hipócritas nos seus posicionamentos propagandísticos en relación ao terrorismo machista.

As accións e protocolos que se fan en diversas organizacións da esquerda autodenominada antipatriarcal na maioría das ocasións non funcionan porque nin garanten mudanzas reais de actitude nin respectan as vontades e as necesidades das persoas que denuncian agresión sexistas. Por que os homes que exerceron a violencia manteñen a súa membresía/as súas posicións/o seu poder de decisión dentro das organizacións ou son trasladados a cargos de poder de organizacións afins e as mulleres agredidas desaparecemos dos espazos militantes/das áreas de socialización e lecer/dos nosos barrios, vilas ou aldeas? Que se está a reproducir?

Ben, na nosa opinión, fica unha mensaxe moi clara: que unha vez máis somos as mulleres as que temos o problema, aquelas que temos que ser castigadas e culpadas. Como feministas sabemos que o problema non é a seguridade das mulleres, senón as posicións de poder e, nomeadamente, de poder patriarcal que se exercen para agredir. Sabemos que o problema non é a sub-representación feminina, senón a super-representación masculina patriarcal. Sabemos que o problema non é o que vai pasar se se sabe senón que pasará se non se sabe. Se non nos facemos responsables das actitudes e da violencia sexista, e rexeitamos adoptar formas de funcionamento para erradicala nas organizacións, estamos condenadas a que se repitan.

O eco da pedra picada ao longo dos anos polos feminismos resoa nas nosas vidas e quen formamos parte da Plataforma Feminista Galega non podemos nin queremos ficar alleas e caladas. A denuncia pública das agresións dentro dos colectivos e organizacións da esquerda é un sinal do traballo realizado polo feminismo e fai que, por sorte, nos movementos de esquerda non todo continúe como se nada pasara.

Agora que a orde patriarcal abanea, máis que nunca, sabemos que nada vai cambiar se non mudamos as nosas vidas porque o persoal é político e o momento é agora. É o momento de non adiar a eliminación da violencia machista dentro dos espazos de loita que din querer reverter todo. Porque estamos a loitar por construír o novo, e se no momento da verdade non deixamos caer as vellas prácticas que ten realmente de novo?

A falta de ferramentas para xestionar correctamente as agresións machistas convirte ás organizacións nunha centrífugadora que acaba ferindo a un gran número de mulleres. Non só das propias organizacións senón tamén do movemento popular que se pretende construír.

Por todo isto exiximos:

  • Un profundo debate na denominada esquerda revolucionaria e antipatriarcal da xestión, tanto interna como externa, das agresións sexistas.
  • A expulsión e desvinculación das organizacións dos agresores denunciados.
  • Que se dispoñan os mecanismos necesarios para asegurar que non volverán agredir.
  • Que diante dunha agresión sexista se tomen as medidas necesarias para protexer política e persoalmente a quen recibiu a agresión e non ao agresor.

Agradecemos a sinceridade e coraxe das mulleres que denuncian as agresións machistas dentro das organizacións, adherimos ás demandas formuladas por todas elas e agardamos que as consciencias comecen a tremer. Agardamos facer abalar a impunidade patriarcal dentro dos espazos de loita. Esperamos que outras mulleres sexan chamadas a romper o silencio ou se animen a facer o que consideren que é o máis acaído e o que realmente queren. Agardamos que se inicie un debate aberto e sincero nas organizacións da esquerda co obxectivo de adoptar novas formas e estratexias que teñan como obxectivo facer que estas sexan realmente espazos libres de violencia machista.

Finalmente, animamos a todas as mulleres que estean en situación de violencia sexista a emprender as accións que consideren necesarias e, de ser necesario, facelas públicas. Pero sobre todo, que non teñan medo de superar o sentimento de culpa e a atopar as forzas necesarias para afrontar e transformar a sociedade patriarcal na que vivimos. Non estás soa irmá, nós crémoste.

A revolución será feminista ou non será!!

Skip to content