Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

Ten a opresión e marxinación das mulleres no sistema patriarcal unha base económica?, sen dúbida. O patriarcado é un sistema baseado nas diferenzas de poder entre mulleres e homes, e por tanto no dominio dos homes sobre as mulleres. Gran parte dese poder baséase nun distinto acceso aos recursos económicos como a terra, o capital ou o emprego, o que limitou enormemente a autonomía e a liberdade das mulleres e levounas a unha situación de dependencia. A iso hai que unir o asignar ás mulleres case de maneira “natural” os traballos de coidados non remunerados que redundan nesa falta de autonomía e liberdade.

Mas a discriminación e a desigualdade social das mulleres afunde tamén parte das súas raíces na economía practicada de maneira maioritaria, a capitalista. As estatísticas (entendidas de maneira simplificada e universal no PIB) reflicten pouco as distribucións do tempo e obvian determinados traballos e procesos fundamentais para a reprodución social e humana e para o mantemento das condicións de vida. Ofrecen unha visión desfigurada da realidadee falan unicamente de crise financeira, pero obvian outras como a alimentaria ou a de xénero, entrelazadas á primeira.

A economía feminista é unha das correntes económicas que con máis argumentos criticou e critica o fundamentalismo dos mercados. Desde a economía feminista a alternativa pasa por repensar os conceptos, as bases, ideas e as estruturas. A economía feminista tenta apartar ao mercado do centro da análise para abrilo cara a temas como a sustentabilidade da vida e a importancia da reprodución social. Hai que vincular o económico co social, porque o social está no centro do económico. E aí o feminismo é pioneiro.

A economía feminista propón romper os binarismos impostos e as fronteiras forzadas: dicotomías como a división entre o público e o privado, o traballo familiar doméstico e o asalariado, a sustentabilidade do planeta e das persoas… que impiden unha análise global non nesgada da realidade. Para a economía feminista as palabras da ciencia económica son outras: emprego, corresponsabilidade, empoderamento, coidados… e democracia xenérica.

A economía feminista presenta unha voz nova e propia que sitúa o eixo da economía onde sempre tivo que estar: na sustentabilidade e dignidade da vida humana e o xoves 8 de xuño poderemos intercambiar ideas e saberes cunha das súas referentes no Estado: Carmen Castro García.

Ir o contido