Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

O martes 2 de xaneiro concentrámonos polo feminicidio de Diana Quer, a mans dun maltratador ademáis reincidente no seu terrorismo machista cara unha nova muller na Galiza. Porque todas somos Diana e queremos que se superen todas as posibilidades de caer nas violencias machistas a mans de maltratadores cara ás mulleres dun xeito aberrante e intolerablemente normalizado. Desnormalicemos as violencias cara ás mulleres. As extremas, e as que levan a estas.

Sumámonos en Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense. #PorqueQUERÉMOSNOSVIVAS #XuntasNaMesmaLoita #BastaXadeTerrorismosMachistas #AplicaciónURXENTEdoPactodeEstadoContraasViolenciasMachistas

 

MANIFESTO DA PLATAFORMA FEMISTA GALEGA

 

Unha vez máis saímos á rúa para visibilizar a nosa repulsa ante un novo asasinato machista. Novo, máis non tanto, xa que se produciu fai máis de 500 días no Barbanza, e non foi ata último día do ano 2017 cando se puido atopar o corpo de Diana Quer, unha rapaza de 18 anos, no fondo dun escuro pozo onde foi arroxado por un depredador de mulleres que seguiría impune se o pasado 25 de decembro non tentara levar a cabo unha nova agresión.

 

Todas podemos imaxinar con espanto como foron os últimos momentos na vida de Diana Quer, como a violencia machista rematou coa súa xuventude inxustamente… Pero non podemos esquecer como unha vez máis, a primeira xulgada foi a vítima, foi a muller… xulgada por volver soa a casa, xulgada pola súa xuventude, polo seu físico, pola súa forma de vestir… xulgada por ser muller…

 

Con este novo asasinato perpetrado polo terrorismo machista pechamos o ano 2017 con 88 vítimas desta lacra, 76 mulleres e 12 crianzas. Por iso dende a Plataforma Feminista Galega denunciamos que a pesares da continua incidencia de asasinatos por violencia machista, falta concienciación: a pasividade social, o silencio cómplice, o “poñer o foco” nas vítimas e non nos seus agresores son actitudes que fornecen o machismo. Xeralmente, esta cuestión atribúese a responsabilidades particulares cando pola contra resulta un problema social estrutural. A violencia machista non é un problema das mulleres, é un problema de Estado e debe abordarse dun xeito integral.

 

O feminicidio é a violencia machista na súa máxima expresión pero soamente é a parte máis visible dun profundo problema cunha raíz alimentada por unha cultura machista estendida na nosa sociedade que nos oprime, que nos limita, que nos condiciona e que finalmente nos mata.

 

Por iso debemos facer un traballo conxunto tecendo redes para provocar unha transformación social, actuando como axentes de cambio, asumindo a nosa responsabilidade para provocar un impacto que se materialice nas nosas vidas e nas vidas das futuras xeracións.

 

O discurso oficial dinos “Denuncia”, pero cando as mulleres o fan vense soas e moitas veces son asasinadas igualmente. Por iso, tamén debemos esixir e esiximos aos poderes públicos que se apliquen políticas eficaces e eficientes de prevención da violencia machista nos seus tres niveis, dotándose de orzamentos para obter os recursos axeitados.

 

Dende a lembranza a todas e cada unha das mulleres vítimas das violencias machistas, fagamos fronte ao sistema patriarcal. Digamos BASTA ás violencias machistas.

 

Porque nos vai a vida… por un ano 2018 libre de violencias machistas!!!!!

Concentración en Santiago de Compostela

Concentración en Vigo

Concentración en A Coruña

Concentración en Ourense

Concentración en Lugo

Concentración en Pontevedra

Ir o contido