San Valentín versus Amor Romántico
O 14 de febreiro, San Valentín, celébrase o día dos namorados. Días antes tendas e comercios das nosas vilas decóranse de corazóns e tinguense de cor vermello chamándonos ao consumo de productos específicos para agasallarlle ás nosas parellas. Detrás desta campaña dirixida suspostamente a celebrar as relacións amorosas, fican agochadas por un lado unha estratexia de consumo por parte do capitalismo impoñendonos unha data máis para agasallar e vender; e por outra banda unha estratexia do heteropatriarcado por seguir perpetuando a idea do amor romántico heteronormativo nas nosas relacións afectivo sexuais.
O patriarcado emprega todas as ferramentas de reproducción ideolóxica que ten a súa disposición (TV, cine, música, literatura, revistas,…) para difundir a idea de amor romántico e que nós asumamos isto como o normal ou natural. Moitos destes medios van dirixidos especialmente ás mulleres, como por exemplo, os contos de princesas cos que nos machacan desde pequenas, creando en nós a figura do príncipe azul que nos salva, nos promete seguridade e estabilidade económica e fai de nós suxeitos pasivos, inseguros e sen máis aspiracións na vida que atopar un marido. En ningún momento se plantexa a posibilidade de que podamos ser felices namoradas doutra muller ou solteiras.
A idea de amor romántico fainos crer que o amor pode con todo, xera esa falsa crenza e esperanza de que se temos unha relación que nos fai sufrir e loitamos por mantela chegará un día no que todo se solucione e poderemos chegar a ser “felices para sempre,” fainos ter que soportar ás mulleres maltratos, agresións e violencias por parte dos nosos compañeiros sentimentais baixo a idea de “sufir por amor” ou de que “faino porque me quere”.
Desde a Plataforma Feminista Galega queremos animar a todas as mulleres a rachar co ideal de amor romántico heteronormativo, a construir relacións afectivo-sexuais desde o respecto mútuo e a negociación e non desde a misoxinia a imposición e a dominación.
( 14 de febreiro de 2017 )