Comunicado redactado para ser difundido pola PFG en relación coa defensa dos intereses dunha muller que solicitou a axuda da mesma por ser vítima dunha suposta agresión sexual. A vítima dá a súa autorización expresa para explicar o occorido.

Tras varias reunións no meu despacho coa sobrevivinte, esta decidiu denunciar, trátase dunha muller nova, que tardou un tempo en entender o que lle ocorreu, polo que verbalizalo supúñalle un gran esforzo sicolóxico, aínda que, en todo momento foi coherente e relatou os feitos con exactitude. Advertíuselle que, ao non acudir a un médico tras o episodio sufrido, non tiña probas obxectivas, xa que os feitos ocorreron nunha habitación na que non se atopaban máis persoas que vítima e o denunciado.

Hei de significar que ambos eran pertencentes a unha asociación xuvenil, e que ela, á primeira persoa que lle relatou os feitos foi á encargada da área da muller da mencionada asociación, a cal, non só creu á vítima, se non que se enfrontou ao denunciado o cal sinalou “que eran cousas que pasaban nunha sociedade patriarcal, que hai cousas peores”

A denuncia presentouse o 18 de xuño de 2018, na Coruña, abríndose dilixencias previas de procedemento abreviado (DPPA) no Xulgado de Primeira instancia tres de Santiago de Compostela, dado que os feitos sucederon nesta localidade.

Os feitos producíronse no ano 2017, polo que transcorrera un ano, cando denunciou; destaco tamén, que ela non era nin a primeira nin a única presunta vítima deste señor, na propia denuncia e tras solicitar a súa autorización, dáse o nome doutras dúas mulleres que, pola súa mocidade, cando foron chamadas pola policía declinaron denunciar alegando que non querían falar do “asunto”, e que non querían que se decatasen os seus pais.

Destaco aquí, que a propia policía manifesta no atestado que non se lles chegou a dicir cal era “o asunto”.

Tómaselle declaración á muller no xulgado e esta de novo relata os feitos con coherencia e exactitude, aínda que, a única proba coa que conta son mensaxes de Whatsapp e Messenger co denunciado, no que este, non chega a recoñecer claramente a suposta agresión, aínda que si recoñece que “o que fixo está mal”, facendo fincapé en todo momento a que ela non o diga “porque suporía o seu suicidio político”, destacando, así mesmo, que hai cousas peores e pídelle que ela solicite á asociación que non se faga público este feito.

Antes de denunciar, como dixen, ela deu a coñecer os feitos á asociación xuvenil, e non se sentiu apoiada pola directiva da mesma, neste punto dicir que dous membros desta asociación declararon no xulgado e efectivamente, non se mostraron afíns á vítima, sinalando que non tiveron que expulsar ao presunto agresor, xa que este dimitiu. Pero dubidando da veracidade dos feitos que ela manifestaba e dando respostas vagas e imprecisas.

En canto á declaración do presunto agresor este manifesta que si estivo nesa habitación con ela, pero que “tentaron enrrollarse e el non puido porque estaba moi bébedo” (estaban bébedos os dous, de feito ela cando recupera a consciencia é cando se atopa sen pantalóns nin roupa interior e nota que está a tentar penetrala). Sinalar que el non pode porque ela ten posto un tampón, (hai unha conversación por Whatsapp na que el lle pregunta a ela se levaba posto un mecanismo antiviolación).

Efectuáronse nos autos, ademais das declaracións de vítima e presunto agresor, 6 testificales, aínda que, todas elas infrutuosas, xa que na habitación estaban os dous sós.

Finalmente o Xuíz dita AUTO DE SOBRESEMENTO PROVISIONAL da causa (o 23 de maio de 2019), para o seu posterior arquivo ao entender que non existen probas obxectivas, xa que transcorrera un ano desde os feitos e non se puido obter ADN ou calquera outro vestixio dunha exploración médico forense, e que non existe ningunha testemuña directa dos feitos. Destacando que se presentaron testemuñas periféricas que relataron as discrepancias no seo da organización xuvenil.

Con respecto á proba de mensaxería achegada entende o Xuíz que non é abondo, xa que o presunto agresor non recoñece claramente os feitos, e que se limitan a ter discrepancias sobre condutas machistas e patriarcais.

Como Letrada con 25 anos de exercicio sinalo que en ningún momento se dubidou da veracidade do relatado pola muller, aínda que, o certo é que non existían probas suficientes que permitisen a apertura de Xuízo Oral.

A Coruña, 5 de agosto de 2019.