Hoxe o feminismo galego saíu ás rúas respondendo ao chamamento realizado a nivel estatal, en apoio a Juana Rivas, e como reivindicación central cara a situación das menores fillas de entornas violentas ou nais vítimas de violencia de xénero. Nós, como PFG, co apoio do concello de A Coruña e xunto con particulares e compañeiras doutros colectivos feministas como Marea Atlántica Feminista, Marcha Mundial das Mulleres e Plataforma 25N contra as Violencias Machistas de Granada estivemos en Vigo e na Coruña, denunciando unha situación que por parte das institucións e do brazo xurídico patriarcal, vese empeorada. Para iso estivemos a ler o comunicado que a continuación partillamos.
Juana está obrigada a entregar aos seus fillos, e condenada por un delito de retención ilícita de menores, por parte dunha xustiza que non atopa ningún outro tipo de medida cautelar para unha nai que só intentou protexer, por enriba de todo, aos seus nenos das mans dun maltratador.
Non é xusto nin minimamente beneficioso para unha crianza ter que medrar baixo a custodia dun home maltratador, independentemente de que existan vínculos xenéticos ou xurídicos. No momento no que perigan vidas, é preciso pararse e reflexionar, loitar e reivindicar.
A nós só nos producen repulsión este tipo de respostas, por iso berramos e por iso non calamos. Queremos unhas institucións libres de machismos, unha protección e mención especial para as menores vítimas ou fillas de vítimas de violencia de xénero, e seguridade efectiva. Así o reivindicamos as feministas galegas hoxe na Coruña e en Vigo, incluso contamos coa presencia de compañeiras doutros puntos do Estado, como da Plataforma 25N contra as Violencias Machistas de Granada. Todas xuntas contra as violencias machistas, todas xuntas con Juana.
#TodassomosJuanRivas #OsFillosdeJuanaEnPeligro
Comunicado da PLATAFORMA FEMINISTA GALEGA sobre o caso de Juana Rivas
Hoxe o Feminismo do estado estamos na rúa apoiando a Juana Rivas, este xoves o Tribunal Constitucional vaise reunir para respostar a unha medida cautelar urxente que solicita a paralización urxente da entrega das crianzas a o pai maltratador.
Juana Rivas, atópase en paradeiro descoñecido dende o pasado 26 de xullo, momento no que incumpriu a entrega das suas crianzas ao pai, non acudiu ao xulgado para declarar sobre a sua situación. A consecuencia imediata foi unha orde de detención e presentación xudicial contra Juana Rivas, acordada polo Julgado de Instrucción nº 2 de Granada. A resposta das organizacións feministas foi declararse en rebeldía en sinal de apoio a Juana e por iso hoxe en varios puntos do estado e tamén na Galiza estamos concentradas diante dos Pazos de (IN)Xustiza.
O xuiz instructor dictou esta orde contra Juana Rivas ‘ao tratarse dunha investigada por un delito de retención ilícita de menores’ Esta medida xudicial foi tomada ante o incumprimento na comparecencia de Rivas no xulgado que leva a dilixencia penal deste caso. Ademais, o xuiz indicou no auto que ‘non procede a adopción de outras medidas cautelares’. Pola sua parte, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, explicou que a pretensión con esta actuación xudicial “era dar a oportunidade de declarar a Rivas sobre a situación da retención das crianzas en paradeiro descoñecido’.
O feminismo mobilizámonos hoxe ante os xulgados dos distintos territorios do estado en apoio a Juana Rivas. ‘Unha muller obrigada pola xustiza a entregar as suas crianzas de 3 e 10 anos de idade ao ex compañeiro condeado en 2009 a 3 meses de cadea por un delito de violencia machista, e sobre o que chegou a pesar unha orde de afastamento’
A pesar de que a recente modificación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia Machista, recoñece tamén as crianzas das mulleres sometidas a violencia machista por parte das parellas como vítimas de dita violencia, aínda non se teñen articulado as correspondentes medidas que impidan aos homes maltratadores seguir tendo a tutela e a patria potestade de ditas crianzas, menores que tiveron que convivir vendo como os seus pais maltrataban, vexaban, insultaban, humillaban e golpeaban as suas nais, a pesar do cal se supón, que deben estar dispostos a ter un réxime de visitas ou incluso de convivencia con dito maltratador.
‘Vinteseis criazas foron asasinadas polos seus pais maltratadores mentras cumplian un réxime de visitas imposto dende os Xulgados, alertamos dende o feminismo e lembramos que na Galiza no ano 2015 deuse o caso de David Oubel en Moraña que asasinou as súas fillas Amaia e Candela, depois de ter chamado a nai das nenas para dicirlle que “pensaba matalas para vingarse dela”.
Neste ano en maio en Oza-Cesuras un pai maltratador con varias condeas enriba e orde de afastamento da nai asasinou ao fillo de 11 anos, cando cumpría un réxime de visitas imposto dende os Xulgados.
E no estado, casos como Ángela González Carreño, após o asasinato da sua filla Andrea, reclamou ante os Tribunais da Xustiza Española, pero ningún deles recoñeceu fallos nos organismos do Estado que tiñan intervido. Foi Nacions Unidas, a través do ‘Comité para Eliminar a Discriminación contra as Mulleres’, quen condeara no 2014 ao Estado Español polo asasinato de Andrea.
Nacións Unidas, no seu dictame, conminou ao Poder Lexislativo, ao Executivo e ao Xudicial a tomar medidas concretas para evitar que un caso como o de Andrea volvera a producirse. O Goberno lonxe de aceitar estas recomendacións, limitouse a afirmar que as resolucións de Nacións Unidas non son vinculantes.
Dende o Feminismo, dende a PFG exiximos ás Institucións do Estado que actúen de maneira contundente e eficaz ante as violencias machistas, namentras seguiran a ser cúmplices de esta violencia e responsables destas mortes.
Juana está na miña casa
Un maltratador nunca pode ser un bo pai
Cando a inxustiza é lei, a desobediencia é deber
Fora machismo das instituicións
Rebelión, desobediencia contra a sua violencia