Dende a Plataforma Feminista Galega de Ourense queremos manifestar a nosa indignación e vergoña ante un novo feito inscrito na repugnante tradición machista: o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas co caso no que se investigaba ao presidente da deputación (e do Partido Popular) de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, por acoso e suborno.
A muller denunciara a Baltar por prometerlle un posto fixo na Deputación a cambio de favores sexuais entre os anos 2010 e 2012, que se dixo se produciron polo menos nunha ocasión no Hotel Francisco II. A denunciante, que tamén foi imputada, aportou unhas gravacións efectuadas no despacho do presidente da Deputación, ademáis de diversas mensaxes de texto, que a xustiza agora non considera concluíntes. Tódalas persoas investigadas: O citado presidente da deputación, o seu pai e antecesor no cargo (José Luís Baltar), o xefe de persoal da deputación e alcalde de Monterrei (José Luís Suárez) e a muller que denunciou a José Manuel Baltar por presunto delito de acoso sexual quedan eximidos de toda responsabilidade.
Dende a Plataforma Feminista Galega de Ourense entendemos que unha actuación así non se pode permitir de ningunha maneira, por diversos motivos:
Pola situación de indefensión en que deixa ás mulleres (posibles vítimas de violencia machista en calquera das súas formas) á hora de denunciar este tipo de feitos, onde, como se pode ver neste caso, pasan rapidamente de ser vítimas a investigadas, restándolle credibilidade ao seu testemuño, criminalizándoas, etc.
Na propia Lei de Prevención da Violencia de Xénero se recoñece como unha forma de acoso sexual “a solicitude de favores de natureza sexual na que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral…”. Neste punto, semella curioso que non se vexa acreditada a relación de dependencia entre a denunciante e o presidente da deputación.
O acoso sexual, a violencia machista (en tódalas súas formas e manifestacións), non son cuestións persoais nin domésticas, constitúen un grave problema social e como tal deben ser tratados. Débese esixir, e desde a Plataforma Feminista Galega de Ourense seguiremos loitando por elo, que se esclareza calquera circunstancia que poida estar relacionada con denuncias sobre violencia machista, xa que a minimización desta problemática acarrea consecuencias terribles.
QUEREMOS XUIZ@S INDEPENDENTES!!!