Nas últimas semanas destapáronse as violencias que sofren as xornaleiras marroquís desde hai anos nos campos de froita no sur do Estado español. É por iso que desde a Plataforma Feminista galega, ante as denuncias de abusos laborais e agresións sexuais, esiximos unha investigación detallada de cada un dos casos, así como a investigación das condicións de traballo, aloxamento e manutención destas traballadoras.
Se as mulleres estamos expostas ao acoso sexual nos nosos postos de traballo estas mulleres teñen unha maior vulnerabilidade pola súa condición de inmigrantes. A isto súmanselle os constantes abusos de poder dos superiores dos que depende a súa xornada diaria. Estas mulleres, como todas, merécennos toda a credibilidade e por suposto teñen todo o noso apoio.
Os feitos coñecidos nas últimas semanas son a evidencia da continuidade da lóxica colonial e capitalista que perdura nas relacións entre persoas, institucións, administracións e Estados. Esta situación, prolongada no tempo, é consecuencia directa da existencia de estruturas institucionais e administrativas que legalizan, amparan e reproducen un sistema de discriminación, violencia e impunidade para coa vida das persoas migrantes, neste caso, mulleres marroquís.
Recollemos a chamada á solidariedade lanzada polas nosas irmás nos campos de Huelva. Elas alzáronse contra este modelo de capitalismo racial e contra o patriarcado colonial vixente. Elas, fixérono a pesar de atoparse en desvantaxe nunha sociedade que, por agora, non soubo reaccionar ante a gravidade dos feitos que denuncian.
Desde a Plataforma feminista galega facemos un chamamento á solidariedade e animamos ás organizacións antirracistas, colectivos feministas, entidades, organizacións, sindicatos agrarios e demais aliadas contra a explotación laboral, a Lei de Estranxeiría e todos os dispositivos do racismo institucional para que se comprometan a apoialas así como a denunciar publicamente a situación de acoso e inxustiza laboral que viven desde hai anos.
Como xa se demostrou a unión fai a forza e niso ninguén nos gaña ás mulleres. Demostremos que o berro Se tocan a unha, tócannos a todas non é só un lema.
Galiza, 17 de xuño de 2018