Comunicado da Plataforma Feminista Galega de Ourense ante a actuación do fiscal cargando contra a muller que denunciou a Baltar
Desde a Plataforma Feminista Galega de Ourense criticamos duramente a actuación da fiscalía de Ourense, nomeadamente, do seu fiscal xefe, Florentino Delgado, pola súa máis que cuestionable actuación ao cargar contra a muller que denunciou ao actual presidente da Deputación de Ourense por acoso sexual e suborno.
Delgado, que xa pedira o arquivo do caso, solicita agora que se reabra para xulgar á denunciante por coaccións, asegurando que a muller tentou “presionar” cun “suposto pacto e unha suposta relación sexual” de forma directa ao presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco, e ao seu pai, José Luis Baltar (antecesor no cargo) para que influíra sobre o seu fillo e lle “deran de xeito ilícito un posto de traballo”.
Desde a PFG de Ourense xa nos manifestamos ante a decisión de arquivar o caso, xa que este tipo de actuacións deixan nunha clara situación de indefensión ás mulleres (posibles vítimas de violencia machista en calquera das súas formas) á hora de denunciar este tipo de feitos. Esta decisión do fiscal de reabrir o caso contra a denunciante parécenos abraiante, xa que, como temiamos, amosa a facilidade coa que as vítimas pasan a investigadas, as denunciantes a denunciadas, restándolle credibilidade ao seu testemuño, criminalizandoas, etc.
O escrito da fiscalía incide en que José Manuel Baltar e José Luis Baltar “sentíronse presionados para realizar un acto ilegal” non realizando “ningunha actuación que permitise á muller lograr os seus obxetivos”.
“Pues verte rebozada en harina promete…”, “Te gusta el champagne? Celebraremos que estaremos muy juntos. Chispas. Relax. Besos” Estas son algunhas das mensaxes enviadas polo actual presidente da Deputación de Ourense. Cadaquén que xulgue por si mesmo/a.
Desde a PFG de Ourense preguntámonos cómo pode ser que unha muller, non coñecida pola
sociedade (antes de denunciar), é dicir, sen relevancia pública nin mediática, sexa quen de “presionar” ao presidente da Deputación (anterior e actual no cargo), homes ambos sobradamente coñecidos, con postos públicos, de representación, etc.… ¿é a muller a que ten o papel de “superioridade” neste caso, ou mais ben, a que se atopa en situación de “dependencia” é ela?
Perseguir ás vítimas nunca debera ser a motivación que leve á fiscalía a actuar: a súa función é diametralmente a oposta: protexelas, non xerar situacións de vulnerabilidade e desamparo nas vítimas.
A actuación de José Manuel Baltar queda probada nas gravacións das conversas e mensaxes telefónicos, dos que en ningún momento se nega a súa veracidade.
Pola gravidade desta intolerable actuación, desde a Plataforma Feminista Galega de Ourense esiximos a dimisión inmediata do fiscal xefe de Ourense Florentino Delgado, así como unha pública condena á actuación de José Manuel Baltar neste caso, por parte de quen corresponda.
Desde a PFG de Ourense non queremos desaproveitar a ocasión para, citando a José Manuel Baltar literalmente, dicirlle ao fiscal: “no la cagues, no hagas el ridículo y el gilipollas”.