Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

O pasado 8 de Marzo foi un fito histórico no que saímos ás rúas xuntas para alzar a voz colectiva de todas as nosas reivindicacións. Somos conscientes de que a día de hoxe queda moito por facer e por iso queremos contar con todas vós na celebración dunha asemblea aberta de mulleres en réxime de auto-convocatoria feminista o próximo martes, día 8 de maio ás 20h na Praza 8 de marzo.

A importancia dos lazos, os afectos, o coidado e, sobre todo, o recoñecernos á hora de construír e de relacionarnos serán clave para o traballo futuro en común. Dentro das múltiples posibilidades que temos de tender pontes entre nós é o momento de sentarnos a construír imaxinarios comúns, pór sobre a mesa unha axenda política común feminista para a cidade. Traballar xuntas para fortalecer este movemento colectivo que é o feminismo.

É o momento de establecer xuntas as pautas coas que atopar lugares comúns para as nosas reivindicacións feministas. O pensamento único é aburrido e contraproducente, así que marcámonos o reto de falarmos e construír un Movemento Feminista na cidade de Compostela cohesionado grazas ás necesarias e enriquecedoras diferenzas e no que as mulleres non organizadas teñan cabida.

Facemos un chamado ás mulleres de Compostela ás que xa participan no feminismo organizado e ás que non, ás que traballan, ás paradas, ás coidadoras, ás estudantes… a todas para por en común e decidir entre todas que camiño seguimos.

Queremos levantar todas xuntas o lugar común desde o que construír resistencias ante todas as violencias que nos atravesan.

Agardámosvos o martes, día 8 de maio ás 20h na Praza 8 de marzo.

Skip to content