En Galicia prodúcese unha agresión sexual cada tres días, 54 feminicidios nos últimos sete anos, 6.500 denuncias por violencia de xénero no pasado ano. As mulleres feministas galegas esiximos recursos para a prevención da violencia de xénero. Ante o compromiso de facer campañas contra a violencia machista destinadas a homes e nenos, o 25N, a Xunta nos agasalla coa exaltación da muller, seica somos un produto de festa gastronómica. A necesidade de coeducación e a prevención no eido educativo respóndese con Plans Proxecta con cero euros de orzamento.
Galicia reclama un aumento do número de xulgados de Violencia de Xénero dotados de persoal suficiente e formado. Imprescindible reformar ditos xulgados para evitar o cruce entre vítimas e agresores. É preciso aumentar os recursos para atención psicolóxica ás vítimas. Estas medidas deben chegar tamén as vítimas de violencia sexual. Para ter recursos precisamos orzamentos.
O Estado Español adoece de falta de vontade política para loitar contra a violencia machista, sen orzamentos non hai compromiso. Lexíslase sobre violencia de xénero, asínanse Convenios Internacionais contra a Violencia de Xénero, planifícase contra a Violencia de Xénero, acórdanse Pactos de estado contra a Violencia de Xénero…que esmorecen por falta de recursos. Un exercicio de hipocrisía extraordinaria, unha inmobilidade permanente: o patriarcado decorado con papeis mollados. Estamos fartas de ser asasinadas, violadas , agredidas abusadas, esiximos o Estado os 200 millóns de euros comprometidos e un aumento dos orzamento anual e que o estado Español se comprometa aumentar a partidas orzamentarias cada ano.
Compañeiras, debemos contestar a este goberno machista, indolente e que nos engana. Sen o diñeiro prometido non se poderá facer política feminista. Para que? Para educar en igualdade, previr as violencias machistas desde a infancia, protexer e atender ás vítimas de violencia, para ter uns medios de comunicación que nos respecten, para formar e sensibilizar á xudicatura, persoal sanitario, docente e ás forzas de seguridade do estado… En definitiva, para construír unha sociedade xusta e libre, onde vivamos vidas dignas de ser vividas. Señores e señoras do goberno, señor Rajoy, señor Feijoo. Canto valen as vidas das mulleres? Compromiso = Presuposto A loita segue, Vémonos nas rúas. Nin unha menos!