Libres, desobedientes e feministas, para mudalo todo!

Contacta!

Despois de 2 anos consecutivos de Folga Xeral Feminista conseguimos visibilizar e sensibilizar entre todas a opresión que exerce o patriarcado sobre as mulleres en todos os eixos da vida, obstaculizando o noso desenvolvemento e a nosa liberdade. Dende hai 2 anos o 8 de Marzo é unha data de loita que suma a cada vez máis mulleres a encher as rúas de todo o mundo. Desde a Plataforma Feminista Galega vemos que as demandas do movemento feminista destes últimos anos seguen sen concretarse polo que este 8 de Marzo de 2020, chamamos a todas a sumarse ás mobilizacións sociais nunha folga de coidados e consumo.

Esta folga non é só contra o patriarcado, o capitalismo e o estado tamén se alimentan da opresión ás mulleres. As institucións que sosteñen o sistema, así como as empresas privadas e as políticas cada vez máis retrógradas que intentan aplicar cada día en diferentes gobernos, condénannos á pobreza, favorecen o noso confinamento no fogar invisibilizando a responsabilidade dos coidados que recae sobre nós, as mulleres, e discriminan a toda persoa que non se axuste ao prototipo de varón burgués.

De media, no Estado, as mulleres cobramos un 15 % menos que os nosos compañeiros. Un dos principais factores desta brecha salarial son as precarias condicións económicas dos sectores tradicionalmente feminizados, que están vinculados aos coidados: limpadoras, coidadoras, azafatas, enfermeiras, camareiras de piso… cando nun sector a maior parte da forza de traballo somos mulleres tende a precarizarse, perde valor, recoñecemento social e por tanto as condicións laborais son peores. Alén disto, sobre as nosas costas tamén adoita recaer, unha carga moito máis importante de traballo doméstico que nos caso dos homes. Este chan pegañento que nos supón unha dobre ou tripla xornada laboral, supón un obstáculo para o noso desenvolvemento profesional.

Dicía Simone de Beauvoir “Non esquezades nunca que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan a ser cuestionados”. Estes días estamos a ver como en Murcia, o goberno quere implantar o pin parental favorecendo unha educación baseada nos principios católicos e fascistas que nos queren arrebatar o terreo que leva gañado o feminismo nestas últimas décadas, polo que tantas e tantas compañeiras deron a vida antes ca nós. Outros, dende a súa posición de poder, fálannos ás mulleres dun feminismo diverso e incluínte dende unha óptica liberal, onde cabemos todas. Unhas máis ca outras, porque as mulleres de clase traballadora, as mulleres do rural, as mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex, as mulleres migradas e racializadas seguimos sentenciadas á explotación das nosas vidas.

Temos moitas razóns para movilizarnos este 8 de Marzo: a fenda salarial, a precariedade e temporalidade dos nosos empregos, a división sexual dos traballos, a falta de conciliación, o acoso sexual nos centros de traballo, a violencia machista, as agresións sexuais, a exclusión social, a pobreza, a expropiación dos nosos corpos, as violencias que baten en nós con máis forza polo feito de ser mulleres. Pero este ano queremos visibilizar os dous eixos máis abandonados das anteriores folgas, os coidados e o consumo, que son sectores feminizados que corresponden con roles tradicionalmente femininos e onde hai que conseguir unha corresponsabilidade real para poder liberarnos dos estereotipos patriarcais.

Quérennos desposuídas dos nosos corpos, dos nosos dereitos, caladas e submisas. Pero teñen en fronte a mulleres que están cada vez máis empoderadas, organizadas e concienciadas, que non só nos movilizamos nas datas máis relevantes, senón que estamos dispostas a loitar ata que se consiga a igualdade real que nos corresponde e nos foi arrebatada durante séculos. Queremos volver a demostrar que o feminismo non deixa de avanzar.

Por isto, despois dous anos consecutivos de Folga Xeral Feminista, en 2018 e 2019, que sacou a milleiros de mulleres ás rúas, reclamando os seus dereitos, denunciando a situación de violencia e explotación que vivimos a diario, sobras os motivos para seguir loitando. Desde a PFG, igual que o movemento feminista, entendemos que esta Folga de Coidados e de Consumo transcende a definición de folga tradicional. Esta vez, chamamos a todas as mulleres a facer folga de coidados e a que todas as persoas non consuman neste 8 de marzo de 2020.

Nós tamén somos clase obreira, mulleres traballadoras, precarizadas, desempregadas, sen papeis… Loitamos contra as inxustizas patriarcais e o neoliberalismo e queremos un mundo novo onde cada persoa se poida desenvolver libremente. Unha sociedade onde non se nos considere cidadás de segunda.

A palabra sororidade marca a nosa loita, estamos unidas e dispostas a conquistar todos os espazos que nos roubaron, porque a revolución será feminista ou non será!

Skip to content