A Plataforma Feminista Galega apoia a acción europea da campaña do 28 de setembro, a acción global polo acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto en todo o mundo e fai un chamamento á participación nas distintas mobilizacións que convocan as organizacións de mulleres.
Os Dereitos Sexuais e Reprodutivos e entre eles a Interrupción Voluntaria do Embarazo, son dereitos humanos internacionalmente recoñecidos por Nacións Unidas nas Conferencias do Cairo (1994) e Beijing (1995) e o Consello de Europa (2008), que insta os Estados Membros a que garantan que a interrupción do embarazo sexa unha práctica accesible e segura.
Tras a Declaración institucional da Conferencia do Cairo, un texto rubricado hai 20 anos por 179 países -entre eles o Estado español-, seguen sen cumprirse os obxectivos fundamentais: “os países deben garantir o acceso á anticoncepción, a información sobre planificación familiar e ao aborto seguro”. Así o pon de manifesto un Informe do Fondo de Nacións Unidas para a Poboación e Desenvolvemento (UNFPA) que alerta das gravísimas consecuencias para 220 millóns de mulleres de todo o mundo que non poden acceder a métodos anticonceptivos modernos.
Os dereitos sexuais e reprodutivos son parte fundamental dos dereitos humanos, polo que os estados deben garantir o dereito das mulleres a ter control respecto da súa sexualidade, incluída a súa saúde sexual e reprodutiva e a decidir libre e responsablemente sobre a súa maternidade, o contrario supón a vulneración destes dereitos, e un ataque frontal contra a liberdade, a dignidade e a integridade das mulleres.
O dereito ao aborto libre significa que ningunha muller pode ser forzada a unha maternidade non desexada e tampouco cuestionar a decisión de interromper o seu embarazo. O dereito a decidir supón o recoñecemento das mulleres como persoas moralmente autónomas, responsables, libres e suxeitos de dereito do mesmo xeito que o resto da poboación.
Denunciamos que obrigar ás mulleres de 16 e 17 anos a obter o consentimento paterno/materno para interromper voluntariamente o seu embarazo vulnera a súa liberdade, autonomía, dignidade e saúde, e deixa en situación de desprotección precisamente ás que necesitan máis garantías para exercer o seu dereito.
No 23 de setembro de 2015 entrou en vigor a reforma do aborto, publicada o 22-09-15 no BOE. Unha reforma lexislativa que vulnera o dereito a decidir libremente sobre a saúde sexual e reprodutiva das mulleres e desatende as recomendacións do Comité da CEDAW de Nacións Unidas que pide a España fortalecer as políticas de igualdade e especialmente non restrinxir o dereito das mulleres de 16 e 17 anos ao aborto. Así mesmo Amnistía Internacional e outros organismos internacionais alertaron sobre o aumento de número de adolescentes que recorrerán a procedementos perigosos para interromper un embarazo non desexado e privaralles de todo amparo legal, sen darlles garantías sanitarias, xurídicas nin procesuais.
Defendemos o dereito das mulleres sen parella masculina e das mulleres lesbianas e bisexuais a acceder aos sistemas de reprodución asistida da sanidade pública, con carácter gratuíto.
Este ano asociacións feministas de toda Europa fan un chamado a unha mobilización o próximo 28 de setembro nos diferentes territorios para que o dereito ao aborto sexa legal en toda Europa; para esixir que a liberdade das mulleres a decidir sobre os seus corpos se convirta nun dereito respectado en todos os países integrados en Europa, e convertelo nun dereito fundamental pola igualdade na UE.
Non esquecemos a solidariedade das nosas irmás europeas que nos apoiaron en 2014 cando a forza do movemento feminista conseguiu a retirada do proxecto de reforma da lei de aborto. Por iso, a Plataforma Feminista Galega apoia a acción europea desta campaña o 28 de setembro, polo acceso ao aborto legal e seguro en toda Europa e en todo o mundo, facendo un chamamento á participación nas distintas mobilizacións que convocan as organizacións de mulleres e accións de activismo incluíndo as redes sociais.
A historia dános a razón na nosa determinación de non ceder ante nada nin ninguén na defensa do dereito a decidir sobre a nosa vida, e en reclamar os dereitos para todas. É o noso dereito decidir sobre o noso corpo sen ser criminalizadas!
Educación sexual para decidir, anticonceptivos para non abortar, aborto legal para non morrer!