Neste 25 de novembro, Día Internacional para a Non violencia contra as Mulleres e as Nenas, sairemos ás rúas para manifestar de novo o rexeitamento contra as violencias machistas, o rexeitamento contra unha violencia que segue querendo someter ás mulleres invadindo todos os ámbitos da nosa vida.
Denunciamos a pervivencia do sistema patriarcal, orixe e núcleo de todas as violencias.
Denunciamos a cultura machista que alenta, estimula, consente e alenta o uso da violencia contra as mulleres como exercicio de poder e dominio. Unha cultura que lexitima e perpetúa esta violencia a partir de diferentes sistemas e espazos: a categorización dos corpos e as vidas, a apropiación do corpo e a sexualidade feminina, os vínculos amorosos subordinados, a feminización da pobreza, a imposición de normas estéticas imposibles, os mandatos heteronormativos, os racismos, os clasismos, a normatividade funcional, e tantos outros.
Denunciamos a cultura da violación que dá amparo ao agresor e normaliza o seu comportamento. Que fai que a sociedade pense que a muller é responsable da agresión sexual que sofre por flirtear, por vestir sexy ou por tomar alcol durante o seu tempo de lecer, e que disfraza de “diversión” e “festa” a responsabilidade dos homes que agriden. Que cuestiona a conduta da muller antes de ser violada e tamén a cuestiona despois de sufrir a violación, porque todo forma parte da idea que nos fai culpables “polo feito de sermos mulleres”. Quizais por iso até as campañas institucionais lanzan mensaxes ás mulleres sobre o que debemos ou non debemos facer para evitar as agresións sexuais, mentres que non din nada aos homes, que son quen agriden e consenten co seu silencio.
Manifestamos que as violencias machistas non son illadas e particulares, non son aquilo que lle sucede a unha muller concreta senón que as vivimos todas e inscríbense nas nosas vidas e os nosos corpos.
Manifestamos que todas nós somos expertas na experiencia da violencia machista. Nun ámbito ou en diversos; en nós mesmas ou en mulleres próximas: amigas, colegas, irmás, nais, fillas, avoas, sobriñas, tías…
Denunciamos a violencia estrutural que opera a través do ámbito xurídico e policial culpabilizando ás mulleres e estigmatizándoas cando non confían nos recursos legais que se lles ofrecen; deixándoas desprotexidas ao lles exixir a elas a súa adecuación aos sistemas xurídico-penais en lugar de adecuar os sistemas á diversidade das necesidades das mulleres. Responsabilizándoas ao final a elas da violencia vivida.
Denunciamos a violencia estrutural que opera a través do ámbito laboral con traballos precarios, soldos baixos, paro elevado. A que obedece ao capitalismo dos tratados de libre comercio que se apropia do capital feminino no seu beneficio.
Denunciamos a violencia estrutural que opera a través dos recortes no ámbito social, deixando ás mulleres que sofren violencia directa en situación de desamparo e victimizándoas dobremente.
Denunciamos a violencia estrutural que opera a través do ámbito da saúde coaccionando a liberdade das mulleres sobre os seus corpos.
Denunciamos a violencia estrutural que opera no ámbito do ensino obviando modelos coeducativos e cooperativos mantendo currículos escolares e plans de estudo que vehiculan a cultura da violencia.
Denunciamos a violencia institucional que sostén e mantén estas estruturas sen recoñecer e asumir a súa responsabilidade na perpetuación ou na erradicación da violencia cara ás mulleres.
Denunciamos a violencia institucional que non intervén para frear o avance da cultura neomachista; que se apropia o discurso feminista obviando o fondo e as prácticas que este discurso implica; que se limita a xestionar exiguos recursos que de ningunha maneira chegan ao fondo do feminicidio; que incumpre os propios compromisos lexislativos ao non despregar os efectos que deberían emanar das normas.
Denunciamos a violencia institucional que minimiza, ailla, dispersa e oculta, a magnitude da violencia contra as mulleres non abordándoa desde as dimensións simbólicas e estruturais que a lexitiman e sustentan, actuando así como cómplice desta violencia.
Manifestamos e lembramos: a quen cala, que o silencio fai que sexa cómplice da violencia; a quen non escoita, que elixir a ignorancia fai que sexa responsable; e a quen pode facelo e non actúa, que non tomar medidas é unha forma máis de violencia.
E para quen dí traballar pola construción dunha sociedade digna dicímoslles:
Escoitádenos. A sabedoría do movemento feminista é a clave da transformación cultural e social. Sen as mulleres non hai revolución.
Mirádenos. Somos millóns de mulleres no planeta sostendo a vida e construíndo relacións libres de violencia. As prácticas de liberdade feminista son imprescindibles para a transformación da feminidade e a masculinidade.
Védenos. O recoñecemento á diversidade é o principio da liberdade. Sen mulleres libres non hai pobos libres.
Recoñecédenos. As mulleres tecemos redes e sen redes non se pode abordar o cambio social. As organizacións feministas somos referentes de vontade e acción política pola liberdade, a vida, a equidade, a paz e a sustentabilidade. O saber feminista é imprescindible para acompañar e guiar a transformación social.
Non nos deixaremos enganar. Non queremos parches, non queremos cadeas de cores bonitas que nos fagan crer que non se pode avanzar máis. As mulleres combatemos todos os rostros das violencias patriarcais, e facémolo tecendo redes entre nós, denunciando cada ataque sexista, homófobo, racista… A sombra do sistema patriarcal é grande e esténdese por todos os recunchos, pero nós estamos xuntas e sabemos que a nosa alianza contra todas as violencias machistas é máis poderosa que calquera intento de silenciarnos.
Ningunha muller máis silenciada, maltratada, humillada, violentada polos canons de beleza tradicionais, ningunha muller máis sen dereito a decidir sobre o seu corpo ou sen poder ser nai cando ela así o decida. Desde o recordo a todas e cada unha das mulleres vítimas das violencias machistas, loitemos contra esta estrutura inxusta, empoderémonos cada día para facer fronte ao sistema patriarcal. As unhas xunto ás outras digamos BASTA ás violencias machistas e apoiémonos para gozar de vidas e relacións libres:
Porque nos vai a vida. Porque queremos unha vida libre e libre de violencias. Porque nos queremos vivas e alegres!!!
Viva a Loita Feminista!